4 positivos asintomáticos detectados no cribado de Barreiros

4 positivos asintomáticos detectados no cribado de Barreiros

Barreiros, 14 de abril de 2021. Segundo os datos facilitados por Sanidade, os resultados do cribado realizado onte en Barreiros a 429 persoas detectaron 4 novos casos positivos asintomáticos.

A alcaldesa traslada unha mensaxe de tranquilidade relativa, xa que precisamente con este tipo de cribados o que se pretende é cortar cadeas de transmisión que non estean localizadas, por ser casos asintomáticos. A alta participación rexistrada no día de onte permite obter unha radiografía bastante fiable da situación no ámbito municipal, polo que parece que a situación podería estar practicamente controlada. Nese sentido, a alcaldesa reiterou o agradecemento a todas as persoas que participaron voluntariamente no mesmo; así como ao persoal sanitario, municipal, voluntariado de protección civil, á dirección do distrito sanitario e á xefatura territorial de sanidade por contribuír ao bo desenvolvemento da xornada.

En calquera caso, o goberno municipal fai un chamamento á responsabilidade e á prudencia, xa que o risco de que existan persoas asintomáticas que non participaran no cribado segue existindo. Lembran tamén que é importantísimo identificar os contactos de risco que poida haber para frear as cadeas de transmisión e facer un cumprimento estricto das normas no relativo ao uso de máscara, contactos e xuntanzas; xa que o risco de transmisión neses casos é maior.

A alcaldesa trasladou tamén unha mensaxe de ánimo ás persoas afectadas pola enfermidade e o desexo, en nome do goberno municipal, dunha pronta e boa recuperación.