O CONCELLO TRABALLA PARA SOLUCIONAR OS PROBLEMAS OCASIONADOS POLOS VERTIDOS CHEGADOS NAS ÚLTIMAS HORAS Á PRAIA DE AREALONGA

O CONCELLO TRABALLA PARA SOLUCIONAR OS PROBLEMAS OCASIONADOS POLOS VERTIDOS CHEGADOS NAS ÚLTIMAS HORAS Á PRAIA DE AREALONGA.

Barreiros, 22 de xullo de 2016.  O Concello traballa para solucionar os problemas ocasionados polos vertidos que chegaron nas últimas horas á praia de Arealonga. O alcalde, Alfonso Fuente, di que isto ocorre de xeito puntual algúns días durante o verán.

O rexedor explicou que “o ocorrido onte na praia de Arealonga non é mais que algo que coñecemos de todos os anos, pode haber algún vertido puntualmente, como pasou onte. Iso prodúcese entre 15 e 20 días no verán porque é unha depuradora que ten a capacidade que ten e hai momentos en que lle chega un vertido superior e non é capaz de procesalo”. Fuente Parga engadiu que “iso unido a que está moi preto da praia e que o caudal do río é moi escaso, porque baixa moi pouco auga, produce eses cheiros e ese vertido na praia”.

O alcalde de Barreiros subliñou que “desde o Concello facemos todo o que podemos evidentemente, hai tempo que levamos chamando a outras administracións para poder solucionar este tema. Estamos traballando neso e nós o que fixemos foi pechar ao baño esa parte da praia, entre 50 e 100 metros, e sinalizalo para que ninguén se meta nese rego nin nesa zona da praia, e que todo o mundo disfrute do resto do areal. O resto da praia non ten ningún problema”.

Alfonso Fuente insistiu: “somos coñecedores do que está a pasar nese punto de Arealonga e estamos a traballar en solucionalo”.