O CONCELLO DE BARREIROS PUBLICOU AS BASES PARA PROCEDER Á CONTRATACIÓN DE 7 SOCORRISTAS

O CONCELLO DE BARREIROS PUBLICOU AS BASES PARA PROCEDER Á CONTRATACIÓN DE 7 SOCORRISTAS. SERÁ CON CARGO A FONDOS MUNICIPAIS DO 1 DE XULLO AO 31 DE AGOSTO. ANA ERMIDA SINALOU QUE “ISTO É O QUE NOS PERMITE REALIZAR A SITUACIÓN ECONÓMICA COA QUE NOS ATOPAMOS E O POUCO TEMPO DE REACCIÓN QUE TEMOS PARA AFRONTAR A TEMPADA DE VERÁN”.

Barreiros, 18 de xuño de 2019. O Concello ven de publicar as bases da convocatoria para a contratación temporal de sete persoas para realizar o servizo temporal de salvamento e socorrismo nas praias de Barreiros. A duración dos contratos será de dous meses (dende o 1 de xullo ó 31 de agosto) e financiaranse con fondos propios municipais. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 25 de xuño.

A alcaldesa, Ana Ermida, explicou que “dende o Concello de Barreiros sacamos unha convocatoria de emprego para contratar sete socorristas con fondos propios municipais, despois de ter analizado cos servizos técnicos e xurídicos do Concello a posibilidade de facelo”.

A rexedora dixo que “á vista da situación económica do Concello apostamos por contratar sete persoas para o servizo de salvamento e socorrismo e así intentar completar a oferta que pode haber subvencionada pola Xunta de Galiza, que é a todas luces insuficiente e que non garante a seguridade nos areais”. Ermida subliñou esta tarde que “facémolo comprometéndonos coa seguridade, sabendo que non é a situación óptima, pero é o que nos permite a economía do Concello e o pouco tempo de reacción que temos de cara a afrontar a tempada de verán, que comezará xa o 1 de xullo. Nese sentido sacamos esas sete prazas, ás que pode acceder calquera persoa simplemente inscribíndose no propio Concello e despois haberá unha selección en base aos criterios que se recollen nas bases, que están publicadas na páxina web do Concello, no taboleiro de anuncios”.

A alcaldesa barreirense cre que “esta aposta é importante para intentar garantir a máxima seguridade nas praias, tendo en conta os quilómetros de areais que hai en Barreiros e a necesidade imperiosa de garantir o servizo de socorrismo. Neste sentido o noso compromiso é mantelo nos mellores niveis posibles que nos permita a situación económica do Concello. Por iso os fondos de persoal dos que podemos dispoñer en grande medida van destinados a este servizo”.

Cando se complete a oferta realizada polo Concello serán 15 os socorristas que traballen nas praias barreirenses  este verán e tamén unha técnica sanitaria.

Xuntanza mañá con Costas

O equipo de goberno de Barreiros manterá mañá, mércores, unha xuntanza con responsables de Costas para analizar a situación que presentan as praias. Ana Ermida confirmou que “mañá reunirémonos o goberno municipal co delegado de Costas para analizar cal é a situación das praias en Barreiros, cales son as posibilidades de realizar actuacións e ver de poñelas a punto na medida do posible de cara a tempada de verán. Desde logo este traballo estase a realizar nestes últimos quince días de xuño, que é cando puidemos facelo e tentaremos telo o mellor posible para que o 1 de xullo estea todo listo para que a xente poida gozar dos nosos areais”.

A rexedora insistiu en que “polo noso lado existe ese compromiso. Sabemos da necesidade e da importancia que teñen estas cuestións e estamos seguros de que atoparemos receptividade e boa disposición por parte de Costas. Desde onte puxémonos en contacto con eles e mañá mesmo manteremos esa reunión para falar estas cuestións e sacar adiante a tempada de verán do xeito máis digno posible, dadas as circunstancias”.