AO PLENO QUE SE CELEBRARÁ NO CONCELLO BARREIRENSE O VINDEIRO MÉRCORES, 25 DE ABRIL

AO PLENO QUE SE CELEBRARÁ NO CONCELLO BARREIRENSE O VINDEIRO MÉRCORES, 25 DE ABRIL, IRÁN ASUNTOS COMO UN PLAN DE AXUSTE E O PLAN CONCERTADO QUE, EN PALABRAS DO ALCALDE, É A BASE DOS SERVIZOS SOCIAIS QUE SE PRESTAN NUN CONCELLO. FUENTE PARGA NON ENTENDE AS CRÍTICAS EFECTUADAS POLOS PARTIDOS DA OPOSICIÓN NOS ÚLTIMOS DÍAS.

ALFONSO FUENTE PARGA, ALCALDE DE BARREIROS

Barreiros, 23 de abril de 2018. O Concello celebrará pleno este mércores, 25 de abril, ás 19:30 horas, para aprobar o plan de axuste e o plan concertado. Este último é a base dos servizos sociais que se prestan en Barreiros, segundo o seu alcalde, Alfonso Fuente. O rexedor declara que o seu custe ascende a 650.000 euros anuais, dos que só 190.000 euros chegan procedentes das subvencións concedidas pola Xunta de Galicia e pola Deputación de Lugo. Fuente Parga engade que neste 2018 tamén se realizarán obras en estradas, rúas e alumeados, entre outros.

O alcalde de Barreiros manifestou que “lendo a información que estes días víamos por parte da oposición, que mandaban aos medios de comunicación, me sorprende porque parece que no pleno do vindeiro mércores só se vai aprobar o plan de axuste. Un plan de axuste que eu vou falar del, e tamén vou falar do plan concertado porque nesta información non se fala en ningún momento, a oposición parece que non quere falar da solicitude do plan concertado”.

Alfonso Fuente declarou que “o plan de axuste se debe a unha serie de investimentos que xa se realizaron en anos anteriores e por iso hai que axustar e rebaixar a parte que se dedica a investimentos. A parte que se dedica a investimentos, con fondos propios, se vai rebaixar en 60.000 euros. Isto se debe a que durante varios anos nos que gobernou o bipartito na Deputación, falo de PSOE e BNG, cando o vicepresidente da Deputación Provincial era o concelleiro do BNG neste Concello, Antonio Veiga Outeiro, o Concello de Barreiros recibía da Deputación en torno a 25.000 euros ao ano para facer obras”.

O rexedor dixo que “agora, presionado e porque ten que consensuar o Partido Socialista co Partido Popular na Deputación, pasamos todos os Concellos a recibir unhas cantidades importantes que destinamos a investimentos. Concretamente no Concello de Barreiros estamos a recibir en torno a uns 240.000 euros para investimentos no noso concello, que veñen, como en todos os Concellos, do que a Deputación Provincial recada para distribuír entre todos nos”.

Para o alcalde barreirense “se pode falar de que o Concello de Barreiros, igual que outros Concellos, tiñan unha débeda histórica por parte da Deputación, e sobre todo mentres gobernou o bipartito, entre eles o vicepresidente que era concelleiro neste Concello, xa que Barreiros non recibía e que agora recibe. Polo tanto o que facemos é sacar esa partida de 60.000 euros de investimentos reais dos fondos propios, é dicir, dos cartos dos veciños e veciñas, precisamente para destinar a outros investimentos e outros gastos correntes que necesitan e que están a demandar os veciños de Barreiros. Digo isto porque só se fala do plan de investimentos e non se fala nada do plan concertado que tamén vai ao pleno do mércores”.

Fuente Parga subliñou que “o plan concertado é polo cal se manteñen todos os servizos sociais do concello, é dicir, tanto axuda no fogar, tanto de libre concorrencia como de dependencia, son todos eses servizos que se prestan á xente maior, aos nosos veciños nas casas, nos cales todos os días os visita unha persoa para facerlles os coidados e o mantemento, e que poidan seguir vivindo nos seus domicilios”.

O rexedor indicou que “por outro lado está a gardería infantil na que contamos con 40 nenos e nenas e onde hai un persoal atendendo, que é unha envexa doutras moitas garderías. Pero esta é unha gardería municipal que mantén o Concello de Barreiros, e que outros concellos coa mesma poboación que ten Barreiros non contan con ese servizo, iso non se di. Non se fala de que no pleno do mércores tamén se vai debater ese plan concertado para manter en servizo tanto o SAF (Servizo de Axuda no Fogar) como a gardería, que ao Concello de Barreiros lle custan en torno a 650.000 euros, que se di moi pronto. É verdade que recibe unha subvención por parte da Xunta de Galicia e da Deputación que non suman máis que 190.000 euros, o resto 400.000 euros, son os que ten que poñer o Concello de Barreiros para soster estes servizos”.

O alcalde de Barreiros declarou que “o que non din estes señores, que poñen o grito no ceo porque sacamos 60.000 euros de investimentos reais, que tamén aí están, se están facendo en estradas. Este ano se van investir outros 200.000 euros en estradas, xa estes días se estiveron aglomerando estradas, facendo regos e traballos nas vías municipais. Vanse facer alumeados e vanse mellorar rúas. Cando falamos de 60.000 euros de investimentos é ben pouco en investimentos de estradas”.

Alfonso Fuente dixo que “o recortamos dos cartos dos veciños de Barreiros porque teñen que vir, e van vir, doutras administracións para facer fronte a eses investimentos. Simplemente é un cambio no presuposto e parece ser que isto o trasladan como se fose unha debacle e realmente é un axuste”.

O rexedorengadiu que “para min o importante do pleno do mércores, é que non se menciona nin unha soa palabra deste tema, é o plan concertado, que é a base dos servizos sociais que se prestan nun Concello, que é un dos servizos máis importantes, gardería, servizo de axuda no fogar, servizo de emerxencia social, é dicir, todas estas cousas que realmente necesitan moitas veces as persoas”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *