BARREIROS RENOVARÁ OS PARQUES INFANTÍS DE SAN MIGUEL, A AGOLADA E SAN BARTOLO

BARREIROS RENOVARÁ OS PARQUES INFANTÍS DE SAN MIGUEL, A AGOLADA E SAN BARTOLO.

Barreiros, 10 de setembro de 2019. O contrato menor de mantemento e reforma de parques infantís, que se realiza ao abeiro da subvención da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, foi adxudicado definitivamente en Xunta de Goberno Local o pasado 2 de setembro, por un importe de 25.912,15€.

Os traballos, subvencionados nun 70% pola administración autonómica, consistirán na renovación das pezas, pavimentos e peches nos parques infantís situados no núcleo de San Miguel, na Agolada en Benquerencia e no San Bartolo.

A adxudicación realízase tras a solicitude de seis ofertas, catro polo anterior goberno que deixou iniciado o procedemento e outras dúas polo executivo municipal actual, que decidiu na primeira Xunta de Goberno celebrada en xullo a ampliación de solicitudes de ofertas. Desas seis ofertas solicitadas, foron presentadas cinco delas.

A alcaldesa, Ana Ermida, explica que “o orzamento inicial do proxecto ascendía a 42.711,75€, cantidade máxima pola que as empresas podían concorrer. Tras a apertura dos sobres que contiñan as ofertas, dúas delas ofertaban esa mesma cantidade; outra, 42.600 euros; unha cuarta, 42.475,01€ e a última, 25.912,15 euros; resultando adxudicataria das obras tras ter xustificado tecnicamente a súa oferta e sendo informada favorablemente pola técnica municipal.”

Con esta adxudicación o aforro para as arcas públicas con respecto á cantidade prevista é de case 16.800 euros, dos que máis de 5.000 euros son aforro para o Concello de Barreiros. Ana Ermida manifesta que “o feito de realizar os procedementos tal e como se establecen legalmente supón que na realidade poida existir un aforro importante, porque se fomenta a competencia empresarial e iso redunda na obtención de mellores ofertas, tal e como aconteceu neste caso; xa que se non se tivese ampliado a solicitude de ofertas polo novo goberno, o aforro con respecto ao previsto inicialmente serían 236,74 euros. “

O goberno municipal prevé a realización dos traballos antes de finais de ano, dado que o prazo de execución será dun máximo de dous meses desde que se asine a acta de comprobación do replanteo.