PLATAFORMA SANITARIA

A PLATAFORMA SANITARIA ACUDE Á REUNIÓN DE NAIS E PAIS EN LOURENZÁ EN DEMANDA DUN SERVIZO DE PEDIATRÍA ESTABLE E APOIA  OS ACORDOS TOMADOS.

Nun salón de plenos a rebosar de veciñ@s a Plataforma traslada a súa intención de presentar mocións en todos os concellos da Mariña

A Mariña , 19 de xaneiro de 2019. A Plataforma Sanitaria acudiu onte á reunión aberta convocada polas nais e pais de Lourenzá e apoiada desde o Concello, para manifestar o seu total apoio a estas iniciativas veciñais,a amosa o seu acordo con todas as medidas tomadas na devandita reunión.

No seu turno de palabra a coordinadora do colectivo sanitario explicou que o problema de pediatría é  moi grave ao deixar sen atención a nenas e nenos pola ausencia xustificada da titular non substituída por parte do Sergas. Tamén incidiu en que este non é un problema privativo de Mondoñedo , Lourenzá e Barreiros, que comparten facultativa, senón que pode pasar en calquera localidade donde exista pediatra de familia, no momento en que esta solicite un permiso , vacacións ou curse baixa médica, todos eles dereitos fundamentais d@s tarballador@s.

É por isto que manifestou a vontade de presentar en todos os Concellos da comarca unha moción en defensa do servizo de pediatría para ser debatida nos plenos municipais e que “agardamos que se resolvan co acordo unánime de instar á Xunta de Galicia a que substitua todas e cada unha das ausencias d@s profesionais, que garanta en todo momento unha atención pediátrica adecuada, pertinente e digna, e mesmo que implemente as horas adicadas á atención pediátrica nos centros que precisen , contratando o personal necesario”- conclúe a Montse Porteiro, coordinadora do colectivo sanitario

Para máis información chamar a Victor Vila 677343429 ou a Montse Porteiro 615187637

   MOCIÓN PARA A ATENCIÓN PEDIÁTRICA NA MARIÑA

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública presenta a seguinte moción, para que sexa debatida nos plenos municipais de todas as Corporacións da comarca, demandando a cobertura do servizo de pediatría de Atención Primaria de forma estable e continuada en todos os centros de saúde donde exista o servizo, sempre que haxa ausencias da/do titular.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Actualmente o servizo de pediatría  en Atención Primaria dos concellos de Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros comparten unha mesma profesional, e faise de forma alterna nas tres localidades, de xeito que os luns, mércores e xoves atende os concellos de Mondoñedo e Barreiros  durante tres horas en cada un dos centros, os martes adica a xornada completa á atención en Lourenzá e os venres ten xornada completa en Mondoñedo. Este feito provoca que moitas veces pais e nais deban trasladarse a outra localidade ou ate o Hospital da Mariña para que nenas e nenos sexan atendidas.

A baixa desta profesional non esta sendo substituida nen nestes momentos nen ningunha das veces que esta facultativa solicitou algún permiso, cursou baixa ou desfrutou das vacacións, todos eles dereitos básicos dos e das traballadoras.

Este feito está a causar, por unha banda retrasos considerables nas revisións protocolizadas de neno san, revisións que nestas idades non poden ser adiadas moitos días do que marca o protocolo do Sergas, pois nelas se examinan parámetros que determinan se o crecemento e o desenvolvemento psicomotor da crianza é o idoneo e concorda coa súa idade biolóxica. Por outra banda cando un/unha nena padecen algunha patoloxía tampouco son atendidas pola pediatra, sendo derivadas aos máis que sobrecargados médicos de familia do centro de saúde, situación agravada ainda máis cando algún profesional de familia desfruta tamén dunha ausencia xustificada ou baixa. Neste caso son derivados ao servizo de urxencias do Hospital da Mariña  onde son vistos en primeira instancia por un facultativo ou facultativa do devandito servizo, e non por un pediatra, situación que resulta insólita ao ser dos poucos hospitais( por non dicir o único) donde non hai pediatra na plantilla do servizo de urxencias.

Estes tres concellos atendidos por unha mesma profesional suman uns oitocentos nenos e nenas, que nestes momentos fican sen pediatra de familia , únicamente o sergas habilitou unhas horas en quenda de tarde para revisións de neno san de cero a tres anos ou vacinacións , que se ben alixeiran un pouco a carga asistencial son de todo insuficientes e non garanten a atención pediátrica de crianzas con patoloxías.

Se ben a situación en Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros é grave e de emerxencia, non é privativa destas localidades, xa que no momento en que algún/ha pediatra da comarca colla un permiso ou se vexa obrigada a coller baixa médica a situación repetiríase exactamente igual.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña considera que o problema da pediatría na Atención Primaria é moi grave, común a todas as localidades onde se presta o servizo e que pode causar nalgún momento situacións gravísimas e de consecuencias fatais.

Por todo o exposto, a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña solicita dos plenos de todas as Corporacións Municipais da Mariña a adopción dos seguinte

ACORDO

Demandar á Xunta de Galicia as seguintes medidas:

1- Cobertura estable, continuada e desde o primeiro día no que se produza a ausencia da pediatra titular dos concellos de Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros, así como en todos os concellos onde se produzan ausencias xustificadas da/do profesional.

2- Incremento na asistencia pediátrica nestes concellos pois parece de todo insuficiente a que se está a impartir na actualidade.

3-Cobertura da xornada reducida da pediatra do centro de saúde de Foz e todas as que se produzan na comarca, pois esta falta de substitución está a producir verdadeiros colapsos na atención pediátrica en Foz e mesmo nos concellos de Alfoz e Valadouro , que teñen que desplazarse a Foz.

4- Dotar aos concellos de Alfoz e Valadouro da profesional de pediatría que se ven demandando  históricamente, para atender ás trescentas nenas e nenos  que constituen o censo de cero a catorce anos destas localidades.

5-Dotación un/ha pediatra no servizo de urxencias do hospital da Mariña en todas as quendas, que garanta a atención pediatrica neste centro desde o primeiro momento e sempre que un paciente en idade pediátrica acuda ao devandito servizo .

A Mariña , 18 de Xaneiro de 2019