Xoves Universitarios

A xestión e posibilidades que ofrecen os nosos montes para o desenvolvemento rural, tema da charla universitaria deste próximo xoves, da man do Colectivo Cultural Ollomao

25-03-15

Barreiros, 24 de marzo de 2015.- Este xoves ás 20:30h., o bar “Lozano” de Celeiro de Mariñaos acollerá unha sesión informativa adicada ao sector forestal.

O Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros organizou para este pasado luns unha charla adicada ao sector lácteo galego, na cal Antonio Oca e Francisco Sineiro falaron do pasado e futuro da PAC e do panorama que presenta o sector gandeiro nun futuro libre de cotas lácteas. Na sesión tomaron parte preto de medio cento de persoas, na súa maioría gandeiros que participaron de maneira activa nun coloquio final. A cita tivo lugar no bar “A Dulcería” de San Miguel de Reinante, formando parte do ciclo de charlas a realizar en bares do concello coa finalidade de contribuir á dinamización da hostalería de Barreiros.

A segunda sesión adicada ao sector agroforestal galego está citada para este xoves, 26 de marzo. Terá lugar no bar “Lozano” en Celeiro de Mariñaos ás 8 e media da tarde. Para esta ocasión, Ollomao convidou a Mar Pérez Fra, profesora da USC e a Mariam Ferreira Golpe, técnica forestal, a falar das posibilidades que ofrecen os montes galegos de cara a ser aproveitados como recurso para o desenvolvemento rural. Na sesión, ademais dunha parte introductoria na cal se expoñerán cifras da superficie de monte desaproveitado e perdas económicas que iso conleva, daranse a coñecer experiencias de éxito, mostra de qué alternativas ofrece o sector forestal e de qué xeito serven para o asentamento territorial e o futuro do rural galego.

Ao igual que nas charlas anteriores, a asistencia é libre e de balde, aberta a todas as persoas interesadas, e non sendo preciso apuntarse por adiantado.

barraExitazo outra vez máis nas nosas charlas universitarias! A sala do bar “A Dulcería” quedou ben xusta para acoller ao público asistente, que estivo ata ben pasadas as 12 da noite debatindo, aportando e preguntando sobre a situación do sector lácteo.

Agradecementos a Antonio Oca e Francisco Sineiro polas súas marabillosas intervencións!

Continuamos este xoves no bar “Lozano” de Celeiro de Mariñaos para falar sobre tantas posibilidades que ofrecen os nosos montes.

barra

Ei! Que mañá é “Xoves Universitario”! O bar “A Dulcería” de San Miguel estará a punto a eso das 9 da noite para acoller a todas as persoas interesadas en falar da PAC e o futuro do sector lácteo. Tomásmolle unha con Antonio Oca e Francisco Sineiro, poñentes do mellor para esta ocasión!

Antonio Oca e Francisco Sineiro falarán sobre a PAC e a desaparición das cotas lácteas, nunha charla organizada por Ollomao.

Barreiros, 21 de marzo. O Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros organiza as xornadas  “Falemos do agroforestal galego”,que terán lugar o luns 23 e o xoves 26 de marzo. As sesións terán lugar en bares do concello barreirense.

Dentro da iniciativa Universidade Rural de Barreiros, Ollomao organiza os Xoves Universitarios: puntos de encontro para falar temas de actualidade e interese, nos que toman parte persoas expertas na materia a tratar. Os lugares de encontro son bares do concello barreirense, coa finalidade de servir esta actividade como fomentadora da dinamización económica á vez que se procura un ambiente máis informal e distendido.  Os días 23 e 26 deste mes terán lugar a cuarta e quinta charlas, nas que se tratará o sector agroforestal galego.

Concretamente, o luns 23 tratarase o sector lácteo. Antonio Oca, anteriormente Director Xeral de Calidade Agroalimentaria; e Francisco Sineiro, profesor de economía agraria na USC e anteriormente conselleiro de Agricultura, Gandaría e Montes, falarán do pasado e futuro da PAC, e máis específicamente sobre cómo afecta a nova reforma ás cotas lácteas. A cita terá lugar no bar “A Dulcería” de San Miguel de Reinante ás 9 da noite.

O xoves 26, o encontro terá lugar ás 20:30h. no bar “Lozano” de Celeiro de Mariñaos, onde Mariam Ferreira, técnica forestal, e Mar Pérez Fra, profesora da USC, falarán das posibilidades dos nosos montes para ser aproveitados como recurso de desenvolvemento rural.

As dúas citas son de carácter aberto e de balde, podendo asistir todas as persoas interesadas sen necesidade de inscrición previa.

Noticias de Barreiros