Descubertos en Barreiros dous novos xacementos arqueolóxicos, o dolmen de Penabor e a mámoa do Cruceiro da Insua

Descubertos en Barreiros dous novos xacementos arqueolóxicos, o dolmen de Penabor e a mámoa do Cruceiro da Insua

03-09-20

 A Mariña, 03 de setembro de 2020. As Asociacións Culturais Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo veñen de descubrir no Concello de Barreiros (Lugo) dous novos xacementos arqueolóxicos. En Penabor localizaron unha mámoa duns 15m de diámetro, que presenta cono de violación e destaca a presenza de tres ortostatos do dolmen, mentres que a mámoa do Cruceiro da Insua ten uns 20m de diámetro e apréciase no lateral sureste do túmulo o que podería ser o cono de violación.
Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo veñen de solicitarlle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a inclusión destes dous monumentos megalíticos no Catálogo do Patrimonio Culltural de Galicia, aínda que temen que tanto a mámoa de Penabor coma a da Insua se sumen á longa lista de bens patrimoniais que a DXPC nin cataloga nin protexe debido ao boicot de Patrimonio ás solicitudes que presenta Mariña Patrimonio.
Ambas asociacións mantiveron unha reunión a semana pasada coa alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, para informarlle sobre estas novas descubertas e para solicitarlle que o Concello de Barreiros inste á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a que cataloguen e protexan estes dous xacementos arqueolóxicos.

Noticias de Barreiros