MAÑÁ TERÁ LUGAR A SEGUNDA ETAPA DA PEREGRINACIÓN ENTRE SANTIAGO E FISTERRA-MUXÍA

MAÑÁ TERÁ LUGAR A SEGUNDA ETAPA DA PEREGRINACIÓN ENTRE SANTIAGO E FISTERRA-MUXÍA, QUE ORGANIZA O CONCELLO DE BARREIROS. SERÁ A COMPRENDIDA ENTRE PONTE MACEIRA E VILASERIO.

Barreiros, 18 de maio de 2018. Mañá, sábado, terá lugar a segunda etapa da peregrinación entre Santiago e Fisterra-Muxía, que organiza o Concello de Barreiros. Será a comprendida entre Ponte Maceira e Vilaserio, que son un total de 19 quilómetros.

A primeira das etapas celebrouse o pasado 5 de maio. José Manuel Gómez Puente, concelleiro de Medio Ambiente, lembrou que “empezamos na praza do Obradoiro deixando a Catedral de Santiago atrás rumbo á Costa da Morte. Fixemos 18 quilómetros ata a parroquia de Ponte Maceira, do Concello de Negreira, en A Coruña. Foi unha etapa onde nos reencontramos despois dun ano, e reinou un bo ambiente. A xornada discorreu camiñando entre frondosos bosques de carballos, dándonos a súa sombra que ben agradecemos. Tivemos unha forte subida ao monte Mar de Ovellas e logo acabamos en Ponte Maceira, lugar fermoso, cruzado polo río Tambre, cunha magnífica ponte de pedra”.

Esta nova peregrinación do Concello barreirense realízase nesta edición en sábados alternos.