«Antes a xente viña unha lúa enteira a descansar a Barreiros»

«Antes a xente viña unha lúa enteira a descansar a Barreiros»

«Templo de saúde» é o eslogan co que Aciam promove o turismo no concello sacando punta á súa riqueza natural

.
PEPA LOSADA

A Asociación de Comerciantes Industriais e Autónomos de Barreiros que preside Xesús Seivane recibirá esta fin de semana a un grupo de vigueses atraídos pola oferta etnográfica, natural e paisaxística en xeneral que potencian. Os sábados hai saídas dende o Café Bar Moderno ás 10.00 para facer sendeirismo e os domingos ás 9.00, en bicicleta.

-Cal é o fin da iniciativa?

-O noso obxectivo é recuperar os tratamentos naturais e ancestrais en Barreiros, os das nosas avoas. Damos a opción, voluntaria, de beber auga de mar e auga das nosas fontes, pasear… O normal antes era que a xente viñera a Barreiros unha lúa enteira a descansar, a recuperarse mental e fisicamente. Ao mesmo tempo, queremos dar a coñecer o noso concello, que é un gran museo, facendo rutas de sendeirismo como a das praias, cear con produtos da terra…

-Beber auga do mar, di.

-A auga do mar ten os mesmos compoñentes que a nosa sangue. O ideal sería recuperar os dispensarios marinos do gran sabio René Quinton [fisiólogo e naturalista] que foi recoñecido pola menciña francesa. Tamén falamos dos manantais do concello.

-Semella un tipo de «turismo» parecido ao que se facía antigamente enfocado á saúde.

-É o turismo que se facía e o que se fai. Ainda hai xente que ven facer isto, coñecéndoo a través de medios, redes sociais e do boca a boca. O noso concello é grande, de 72 quilómetros cadrados, os ríos que son as súas veas, o val de Cabarcos, os produtos da terra, os miradores, ir polo río Masma, recuperamos os lavadoiros e estamos sinalizando a ruta de Sestelo, temos o reloxo solar máis antigo de Galiza que está na igrexa de San Cosme e ao que non lle fai falta pila, visitamos os camposantos que teñen moita historia e riqueza cultural, recuperamos as dúas veredas reais, etcétera.

-Aí tamén fan fincapé nos famosos baños de setembro?

-Pódense facer en calquer época do ano, pero mellor agora no outono que é fermoso e tranquilo. Si, é unha das actividades que facemos.

-Onde hai que anotarse?

-Para anotarse poden chamar, dende asociacións, grupos ou particulares que queiran, ao 615 09 21 15 (Suso) ou ao 622 75 80 79 (Belén, da Asociación Mar e Monte). Nós lles ensinamos a zona. Tamén facemos a ruta do camiño de ferro, en tren. Co cal, que se olvidan do coche…

-E do móbil, se o fin é descansar completamente, non?

-Si, e do móbil e que veñan a coñecer Barreiros.

-Algunha actividade máis prevista para este mes?

-O 31 faremos o Samaín e iremos a Santo Estebo. Este ano fixemos o mapa de demarcación do ano 775 (era 813), documento do rei Silo, que se refire ao Concello de Barreiros. Dámoslles as grazas a que vén con nós e o noso amigo Óscar del Pino que fixo un documental onde se explica todo isto.