“Vive Barreiros”, os atractivos turísticos do Concello nunha guía

“Vive Barreiros”, os atractivos turísticos do Concello nunha guía

Barreiros, 31 de marzo, 2021. A Asociación de Hostalería de Barreiros acaba de editar un folleto turístico en formato papel e en formato dixital, para promover os atractivos turísticos do municipio e da contorna. Trátase dunha publicación de catro corpos, que presenta Barreiros como destino turístico -dentro do xeodestino A Mariña Lucense- comunicando os valores que o diferencian, como a súa historia, a súa costa paradisíaca -ideal no contexto de sol e praia pero tamén para a realización de actividades deportivas e de natureza- , ou un interior rico e diverso atravesado polo Camiño de Santiago do Norte e con espazos tan emblemáticos dentro da Mariña, como son a “ Fervenza de Santo Estevo do Ermo”, o círculo lítico “A Roda” ou o monte Comado.

O ano pasado, a asociación elaborou tamén carteis de tamaño medio en cartón pluma que, ademais de promover os atractivos da zona, permitían acceder -a través de códigos QR- ás páxinas web dos establecementos asociados e a outros elementos de interese como as páxinas de reservas da Praia de As Catedrais e de Fuciño do Porco, a web oficial da Mariña Lucense Turismo ou á sección de turismo do Concello de Barreiros.

Estas accións pretenden achegar valor aos visitantes do municipio, mellorar a súa experiencia de viaxe e colaborar na promoción de Barreiros, dando a coñecer ademais, os servizos de hostalería que aglutina a agrupación.