Unha ducia de asociacións de Barreiros propoñen a celebración dun debate público sobre o Concello

Unha ducia de asociacións de Barreiros propoñen a celebración dun debate público sobre o Concello

Barreiros, 27 de abril de 2015.

 O movimento asociativo de Barreiros fai un chamamento a prol da celebración dun debate público sobre o Concello entre as formacións políticas que se presentan ás eleccións do 24 de maio. Consideran que “a participación veciñal directa na toma de decisións que afectan ao ben común é a base da democracia” e, por iso, queren que os cabezas de lista das distintas formacións políticas expliquen á cidadanía nun debate “público, imparcial e aberto” as súas propostas.

As asociacións promotoras, entre as que se atopan asociacións de veciños de distintas parroquias, como as de Vilamar, San Xusto, A Rilleira ou Celeiro, asociacións culturais como Ollomao e Augas Santas, a Asociación de Comerciantes e outras de carácter social ou deportivo, invitan “a todas as asociacións de Barreiros sen excepción a sumarse a esta iniciativa”. Para iso, convocan a unha reunión que se celebrará este mércores, 29 de abril, ás 21:00 horas no Centro Sociocultural Manuel Díaz Sampedro de San Cosme, coa finalidade de escoller unha comisión organizadora e propoñer data e lugar para a celebración do debate.

Para esta reunión están sendo avisadas todas as asociacións de Barreiros a través dunha carta na que se explica que “co gallo da celebración, o vindeiro 24 de maio, de eleccións municipais e co obxectivo fundamental de que a cidadanía coñeza as propostas das distintas formacións políticas para o concello de Barreiros, propoñemos que se realice un debate público en Barreiros cos tres grupos políticos que presentan candidatura ás próximas eleccións municipais do 24 de maio” e a través da cal se convida a sumarse e tomar parte desta iniciativa.

“Obriga democrática dos candidatos para cos veciños e veciñas”
Unha vez acordado entre as distintas asociacións na reunión deste mércores o lugar de celebración, o día e a hora do debate, as asociacións convidarán aos cabezas de lista de PP, BNG e PSOE a tomar parte “como unha obriga democrática para cos seus veciños e veciñas, que teñen dereito de coñecer de primeira man as propostas de cada partido”.

Para o movimento asociativo de Barreiros, este debate, “de carácter público e absolutamente imparcial”, é plantexado “como un complemento imprescindible aos mítines electorais que poidan organizar os distintos partidos políticos, no cal a cidadanía teña a posibilidade de coñecer e confrontar de primeira man as propostas dos tres grupos políticos, nun espazo no cal se respecten as normas establecidas pola Xunta Electoral para os debates públicos, a saber: respeto é igualdade nos tempos de intervención e respecto nos turnos en función do número de votos obtivos por cada partido político nas anteriores eleccións”.

Sería a primeira vez que se celebra un debate electoral no concello de Barreiros entre as distintas formacións políticas que se presentan á alcaldía. As asociacións promotoras destacan que se trata dunha iniciativa “a prol da transparencia, a pluralidade, a cultura democrática e a participación veciñal na vida do Concello”.

Iniciativa plural que parte de distintos ámbitos
Para facilitar a comunicación entre as distintas asociacións sobre esta iniciativa foi creada a conta de correo electrónico [email protected]. Á reunión deste mércores en San Cosme están convocadas as asociacións de veciños de todas as parroquias, asociacións do ámbito social, cultural e deportivo existentes no Concello, as ANPAS dos colexios, asociacións de mulleres, de gandeiros, de cazadores, etc.

A adhesión a esta iniciativa por parte dunha asociación ou colectivo suporá ter a posibilidade de aportar temáticas, propostas ou preguntas a plantexar en dito debate, para que sexan respondidas polos tres grupos políticos, de maneira que as distintas asociacións poñan sobre a mesa “os problemas, necesidades e propostas dos veciños e veciñas das distintas parroquias, así como nos ámbitos aos que pertencen as asociacións participantes”.