Títeres no Nadal

A Pontenova, Barreiros, O Valadouro, O Vicedo, Riotorto e Trabada reciben “Títeres no Nadal”

Lugo, 9 de decembro de 2015.- O delegado de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Xosé Ferreiro, xunto co representante da Asociación Cultural Tanque de Zinc de Mondoñedo, Ton Arenas, presentou na mañá deste mércores o programa ‘Títeres no Nadal’

Trátase dun programa cultural que vai levar aos centros de ensino de concellos rurais da provincia de Lugo un total de 25 funcións das pezas “Martín, Martín” da compañía Mircromina Títeres, e “Cinco historias para unha man” da compañía Spaguetti Títeres.

‘Títeres no Nadal’ insírense dentro da programación do “Nadal Cultural”, organizada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo. Tal e como expresou o Delegado de Cultura, Xosé Ferreiro, “con “Títeres no Nadal queremos achegar aos centros de ensino dos concellos rurais actividades culturais de calidade, contribuíndo a afondar na igualdade de oportunidades, para que as e os nenos do rural se divirtan e aprendan tendo contacto con espectáculos de factura propia e totalmente artesanais coma os que ofrece o programa “Títeres no Nadal”

A Asociación Cultural Tanque de Zinc é a encargada de xestionar os contactos cos colexios para organizar unha programación que xa comezou hai algúns días e xa visitou os centros de ensino de Friol, Palas de Rei, O Páramo, Láncara, Folgoso do Courel, Ribas de Sil, O Incio, O Saviñao, Navia de Suarna e Cervantes, e que durante o mes de decembro “vai espertar a ilusión e a imaxinación das e dos máis novos levando a maxia dos títeres ao longo da provincia de Lugo” indicou Xosé Ferreiro.

As funcións continuarán nas vindeiras semanas nos colexios de Pedrafita do Cebreiro, Portomarín, Baralla, Castro de Rei, Cospeito, Vilalba, Xermade, Riotorto, A Pontenova, Trabada, Barreiros, O Valadouro ou O Vicedo, entre outros.

O Delegado de Cultura, Xosé Ferreiro, insistiu en que “a programación da Área de Cultura da Deputación de Lugo para este Nadal non remata aquí, e nos vindeiros días daremos a coñecer máis programación cultural aberta e accesible a todos os públicos na que estamos a traballar”, dixo.