TANXUGUEIRAS ACTÚAN ESTE DOMINDO, 5 DE AGOSTO, NO EIDO DOURADO, EN BARREIROS, NO CICLO DE CONCERTOS SONS NO SOLPOR

TANXUGUEIRAS ACTÚAN ESTE DOMINDO, 5 DE AGOSTO, NO EIDO DOURADO, EN BARREIROS, NO CICLO DE CONCERTOS SONS NO SOLPOR.

Barreiros, 3 de agosto de 2018. O trío de pandereteiras Tanxugueiras actuará o vindeiro domingo, 5 de agosto, no Eido Dourado, en Barreiros, a partir das 22:30 horas. O artista barreirense Celso Dourado subliña que estamos diante dun grupo extrovertido e orixinal, procedente de Teo e do Barbanza, que recolle a música popular e as tradicións das súas aboas.

Celso Dourado explicou que “este vai ser o terceiro concerto se o tempo nos axuda, esperemos que si. Os dous anteriores foron tremendamente concorridos e esperamos que este non deixe de selo. Nesta data do 5 de agosto, o vindeiro domingo, a partir das dez e media da noite, contaremos coa presenza das Tanxugueiras. É un trío que xa pretendemos traelo o ano anterior, pero por circunstancias de axenda non puideron vir”.

Dourado contou que “este trío está composto por Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, dúas irmas e unha amiga. Son tres extrovertidas e orixinais voces que proceden de Teo e do Barbanza. Xuntáronse polo 2016 e mostran, dentro do que é o panorama musical galego, o que aprenderon e recolleron herdado das aboas e da xente maior, dando vida ao proxecto Tanxugueiras”.

O artista barreirense engadiu que “é un trío que no escenario non pasa desapercibido. Durante este tempo contaron cunha serie de colaboracións de grandes artistas, como podemos citar a Xabier Díaz, a Banda das Crechas, etc…. Saltaron á fama a nivel europeo pola súa intervención no coñecido festival Celtic Connection de Glasgow, onde saíu un dos seus vídeos máis controvertidos que revolucionou as redes sociais, confirmándoas como unha das grandes promesas das formacións femininas. Posiblemente sexa o trío de pandereteiras e percusionistas máis recoñecido na actualidade. É unha oportunidade para velas e escoitalas, e espero que todo saia ben”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *