Substraídos 400 euros en equipos de limpeza dunha urbanización de Barreiros

Entraron nun complexo residencial practicamente baleiro en AltaUnha empresa de limpezas con sede en Lugo denunciou o roubo de diverso material, valorado en máis de 400 euros, que lle substraeron dun cuarto de contadores eléctricos, onde o tiñan gardado, no interior dunha urbanización barreirense próxima á praia de Altar.
Os ladróns aproveitaron o feito de que o complexo residencial permanece deshabitado a meirande parte do ano, principalmente nestas datas, para entrar no recinto. Os denunciantes calculan que o roubo tivo que producirse nalgunha data entre as doce do mediodía do pasado 29 de decembro e as once da mañá do venres 5 de xaneiro.
Unha persoa que representa á empresa de limpezas afectada por este furto presentou no cuartel da Garda Civil barreirense a denuncia tras percatarse da falla do material que necesitaban para desenvolver o seu traballo de xeito habitual.
Quen queira que fose, sabía onde se gardaba este material, porque accedeu directamente ao cuarto de contadores da electricidade e doutros subministros da urbanización para apoderarse dun carro da limpeza, valorado nuns 300 euros.
Tamén substraeron o material que había e que a empresa afectada cifrou nuns 140 euros. Descoñécese o valor dos danos causados para entrar no recinto.
Polo demais, a Garda Civil continúa investigando os roubos producidos en varias segundas residencias da localidade barreirense dende o pasado verán. Unha grande parte delas pertencían precisamente a veciños da capital luguesa que as teñen para veranear ou pasar tempadas de descanso na costa.