SEGÚN O BNG, O PARTIDO POPULAR DEIXA BARREIROS ENDEBEDADO ATA 2032, TENDO QUE PAGAR MÁIS DE 5 MILLÓNS DE DÉBEDA

NOTA DE PRENSA DO BNG DE BARREIROS

O PARTIDO POPULAR DEIXA BARREIROS ENDEBEDADO ATA 2032, TENDO QUE PAGAR MÁIS DE 5 MILLÓNS DE DÉBEDA.

O goberno municipal incrementa a recaudación de impostos para incrementar o coste de persoal

Barreiros, 20 de xaneiro de 2015. Na tarde de onte aprobáronse en Barreiros os orzamentos municipais para o ano 2015. O BNG votou en contra dos mesmos, xa que son uns orzamentos que reflicten a mala xestión do goberno do PP e que condenan ás veciñas e veciños a non recibir ningún novo servizo nin investimento neste ano.

No ano 2015, a  recaudación por impostos e taxas municipais subirá un 20% con respecto ao 2014, o que se corresponde cunha suba do 10% en gastos de persoal, que supón practicamente a metade do orzamento deste ano, “nunha práctica xa habitual no concello de Barreiros en ano electoral”, sinala a portavoz municipal, Ana Ermida.

“O que reflicten os orzamentos aprobados onte é unha situación de emerxencia, na que o concello recauda cartos das veciñas e dos veciños para pagar a débeda e manter aberto o concello: persoal e gasto diario. Non hai investimentos importantes para o futuro, non hai oferta de novos servizos e non existen ningunha partida coa que se intente garantir a calidade de vida da xente”, afirman desde o BNG.

A formación nacionalista anunciou que presentará alegacións a este orzamentos que, ademais califican de “insolidarios e fóra da realidade actual”. Ana Ermida explicou que se se destinan máis de 6.000€ a gastos protocolarios, 8.000€ a dietas do equipo de goberno ou 40.000€ para asistencia xurídica e nin un só euro para atender as situacións de necesidade social pola que están pasando moitas das familias en Barreiros.

Desde o BNG califican estes orzamentos como “nefastos” para a xente, “son uns orzamentos para manter un concello que non aporta nada ás veciñas e veciños: nin novos servizos, nin melloras nos existentes, nin atención social… Só recaudan para manter persoal e gasto corrente e para pagar a débeda dunha xestión que, desde 2005, deixa ao concello en número vermellos.”

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *