Concentración en defensa do sector hosteleiro, mañá sábado, ás
11 horas na Praza do Concello
Tras ter coñecemento da convocatoria realizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo, e secundada pola Asociación de Hostelería de Barreiros, dunha concentración en defensa do sector hosteleiro para mañá sábado, 7 de novembro, ás 11 horas diante do concello de Barreiros; o Concello de Barreiros quere sumarse a dita convocatoria e facer un chamamento a apoiala por parte do comercio e poboación en xeral.
Lembramos que, pola situación epidemiolóxica non se permiten grupos de máis de 6 persoas e que debe levarse en todo momento máscara de protección e gardar as distancias de seguridade. Polo que a participación nesta concentración debe realizarse sempre coas garantías de seguridade oportunas.
Neste sentido, queremos contribuír a difundir e socializar dita convocatoria, así como facer un chamamento ao consumo de xeito responsable e co cumprimento de todas as medidas nos locais de hostelería do municipio; para deste xeito contribuír a minimizar as consecuencias desta crise sanitaria noutros aspectos que leva indisolublemente aparellados.
Desexamos que colectivamente sexamos quen de afrontar esta complexa situación e lograr que o impacto social sexa o menor posible.