Rematan as xornadas de teatro de Ollomao en Barreiros

Rematan as xornadas de teatro de Ollomao en Barreiros

Esta fin de semana represéntanse as dúas últimas obras

As Xornadas de Teatro organizadas polo Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros chegan ao seu final na vindeira fin de semana. Dúas novas propostas darán remate a esta actividade, que desde o Colectivo cualifican como moi satisfactoria, tanto desde o punto de vista da calidade das propostas presentadas como da afluencia de público a todas e cada unha delas.

O sábado 25, ás sete da tarde e no Centro Social de Vilamar será o grupo O BATÁN de Cangas de Foz o que, coa dirección de Mª Paz Rodríguez Silva, porá en escena “BICOS DE VINAGRE”, unha obra ORIXINAL DE Francisco Piñeiro na que se aborda o tema dos problemas de familia. “Como consecuencia da desestruturación da familia tradicional, os fillos utilízanse como parapetos tras dos cales algún pais e nais agochan moitos dos seus defectos, dando como consecuencia unha educación carente de valores éticos e sociais. Compre revisar certas condutas familiares que prexudican sempre ao mais débil: OS FILLOS”

O domingo 26 será  o grupo anfitrión o que poña o peche a estas xornadas. Neste caso a representación será tamén ás sete da tarde no Centro Social de O Canteiro en San Pedro de Benquerencia. Para esta ocasión o Grupo de Teatro de Ollomao preparou un espectáculo que titulou “DOUS CONTOS E … UNHA SORPRESA”. Trátase de retornar unha parte da súa última montaxe “Catro contos” ao seu ambiente orixinal e mostrarlle ao público dous deses contos tal e como se puideron ver na súa primeira versión cando formaban parte do proxecto “Teatro nos bares”. Ademais, como colofón, haberá unha pequena sorpresa que como tal non podemos desvelar.

As entradas, que poderán adquirirse nos propios locais desde media hora antes do inicio da función, terán un prezo de 2 euros