Alfonso Fuente inicia o camiño para mellorar a contorna paisaxística de Barreiros que a intervención urbanística danou

10-04-19

ALFONSO FUENTE INICIA O CAMIÑO PARA MELLORAR A CONTORNA PAISAXÍSTICA DE BARREIROS QUE A INTERVENCIÓN URBANÍSTICA DANOU.

Resolta a situación xudicial, o Concello requirirá aos promotores dos dez edificios en esqueleto para que no prazo de catro meses reinicien a construción ou ben os derruben.

O alcalde potenciará a imaxe turística do municipio, “á que tanto prexudicou o arbitrario proceder do bipartito da Xunta, como se demostrou no xuízo”.

Barreiros, 10 de abril de 2019. Unha vez aclarado o proceso xudicial que mantivo dez anos a situación urbanística de Barreiros nun limbo despois da actuación do goberno bipartito da Xunta de Galicia o alcalde, Alfonso Fuente, inicia o proceso para eliminar da paisaxe do municipio os esqueletos dunha decena de estruturas sen terminar.

Co obxectivo de mellorar a imaxe do concello, o rexedor requirirá aos propietarios e promotores destes proxectos, na súa maioría bancos e entidades financeiras, para que, dentro do prazo de catro meses, opten entre as dúas alternativas que o Concello lles pon sobre a mesa: reiniciar as obras para acabar as construcións ou, pola contra, derrubar os esqueletos de maneira inmediata.

O alcalde considera que “unha vez que se pechou o proceso xudicial, que  afectaba aos membros da xunta de goberno, pero tamén á validez das propias licencias concedidas, cuxa nulidade estaba interesada no litixio, é o momento de actuar para protexer a contorna paisaxística do municipio”.

“Non puidemos facer nada durante todos estes anos para non entorpecer o proceso xudicial aberto, á espera do resultado absolutorio, que é o que foi finalmente, proceso que finalizou ademais sen afectar a anulación das licencias deste edificios”, sostivo Alfonso Fuente. Por iso, incidiu en que “agora é a nosa obriga esixir aos promotores que actúen porque Barreiros non se merece ofrecer esta imaxe á que se viu abocada por una mala actuación no seu día do goberno bipartito da Xunta só por cuestións políticas, como quedou demostrado no xuízo”.

Froito deste “inxusto e arbitrario proceder da Xunta” e da crise inmobiliaria, a imaxe de Barreiros quedou fortemente prexudicada, “tanto desde o punto de vista paisaxístico, pero tamén a súa potente marca turística xa que é un dos municipios de maior beleza natural da Mariña lucense. Temos que devolverlle o seu esplendor”, asevera o rexedor.

A intención do Concello é que nun ano non quede rastro dos esqueletos destes edificios inacabados que afean un municipio que é un dos referentes turísticos do norte de Galicia. O goberno local avanza que seguirá a traballar para que o turismo de xeito controlado sexa unha fonte de dinamización económica do municipio e, polo tanto, de toda a zona, potenciando a súa desestacionalización.