PEREGRINACIÓN POLO CAMIÑO PRIMITIVO

O CONCELLO ORGANIZA UNHA PEREGRINACIÓN POLO CAMIÑO PRIMITIVO QUE COMEZARÁ O DÍA 16 DE ABRIL. DIVIDIRASE EN OITO ETAPAS QUE SE LEVARÁN A CABO OS SÁBADOS.

Barreiros, 31 de marzo 2016. O Concello organiza unha peregrinación a Santiago de Compostela a través do Camiño Primitivo. Esta actividade está programada pola Concellería de Medio Ambiente que dirixe José Manuel Gómez Puente.

Segundo explica o edil popular “a peregrinación dividirase en oito etapas que se realizarán os sábados cun percorrido de vinte quilómetros cada unha delas. Comezaremos na Fonsagrada o 16 deste mes e remataremos a xornada no Cádavo. A viaxe farase en autobús ata o comezo de cada etapa. A saída do autocar será da praza do Concello. Haberá ademais un autobús escoba ou de apoio”.

O custe das oito etapas será de 50 euros por persoa e os nen@s participarán gratis. Pódense apuntar todas aquelas persoas que desexen acudir desde calquera concello da Mariña. Os interesados deberán anotarse no número de teléfono 618 752 560 (José Manuel).

Para ir quentando motores a Concellería de Medio Ambiente organiza para este sábado, 2 de abril, unha peregrinación polo Camiño Norte cunha etapa de dez quilómetros con partida desde Vilamartín Pequeno. A saída cara ese punto será en autocar dende a praza do Concello así como tamén o regreso dos participantes.