Santo Estevo

A Fraga de Santo Estevo, declarada área de especial interese paisaxístico

18-02-16

18 de febreiro de 2016.- Con motivo do inicio da fase de información pública do futuro Catálogo das Paisaxes de Galicia, queremos informar que grazas aos membros da Irmandade Santo Estevo e a súa preocupación pola protección e conservación da Fraga de Santo Estevo e a súa contorna, durante o proceso de participación pública para a elaboración do catálogo propuxemos a fraga de Sto. Estevo como unha das áreas de especial interese paisaxístico.

Dende a Irmandade, queremos celebrar a inclusión da fraga no catálogo, seleccionada como unha das 9 paisaxes de especial interese paisaxística para toda a zona de A Mariña-Baixo Eo e resaltar a importancia xa non soamente do valor paisaxístico do lugar, plasmado principalmente na fervenza de Sto. Estevo e fraga do mesmo nome, senón tamén no importante valor ambiental e patrimonial deste recóndito lugar da Mariña Oriental Lucense, onde podemos atopar unha das escasas masas arboradas autóctonas da zona e que da acubillo a especies de animais e plantas protexidas.

Queremos facer unha mención especial á fraxilidade e vulnerabilidade da zona perante o turismo descontrolado, polo que urxe unha protección e ordeación do uso público deste espazo natural. Agardamos que este recoñecemento sexa un paso mais de cara á súa declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e a inclusión como paisaxe protexida no novo PXOM, solicitado no seu día pola Irmandade Santo Estevo e apoiado por tódalas forzas políticas municipais.

Este tipo de pequenos espazos de elevado valor ambiental deberían gozar dunha maior protección e divulgación dos seus valores, algo que dende a Irmandade tentamos conseguir con pequenas accións coma esta, porque Barreiros ten moito máis que sol e praia, ten unha fermosa fervenza destacada no catálogo e porque aínda que pequena, ten tamén unha das mellores representacións de como eran as masas arboradas autóctonas da mariña, na cal queda moito por investigar e dar a coñecer tanto á poboación local coma a calquera persoa que a veña a visitar.

Santo Estevo, Espazo Natural Protexido.

O pasado sábado 28 membros da Irmandade Sto. Estevo xuntáronse coa finalidade de facer unha pequena restauración ambiental na contorna da capela. O obxectivo, axudar a que a fraga recupere terreo perdido antano en parcelas actualmente en desuso axudando a acelerar a sucesión vexetal.

A zona na que se fixo esta primeira experiencia de restauración ambiental foi nunha parcela na que a irmandade chegou a un acordo de custodia do territorio co propietario, podendo así efectuar a plantación e axudar ao rexenerado do bosque. Esta parcela actualmente en desuso, presenta dous tipos de vexetación: un folgueiral e unha toxeira con algúns pés pequenos de loureiro principalmente. Ambos tipos de vexetación están en contacto co bosque de ribeira do rego de Sto. Estevo.

A primeira zona a restaurar foi a da toxeira, onde xa se estaba a producir un pequeno rexenerado dalgunhas especies arbóreas como os loureiros mencionados anteriormente e algunha abidueira (especie pioneira na recolonización de terreos). As especies empregadas foron castiñeiros, abidueiras, carballos, sanguiños, etc; todas elas presentes na parte baixa da parcela no bosque de ribeira, axudando así á expansión da fraga cara arriba da ladeira e acelerando polo tanto a sucesión vexetal.

A planta empregada foi recollida días antes por membros da irmandade no propio Sto. Estevo para evitar a contaminación xenética de outras plantas de distintas rexións de procedencia. Estas plantas foron recollidas en beiras de camiños e cunetas onde debido futuros traballos de roza e acondicionamento de pistas serían eliminadas, polo que en ningún momento se alterou ningún dos ecosistemas presentes en Sto. Estevo durante a recolección. A maiores recolléronse tamén sementes de distintas especies arbóreas (as de castiñeiro xa comezan a saír!) coa finalidade de ter material vexetal para futuras restauracións ambientais en caso de posibles novos acordos de custodia, educación ambiental, restauracións ambientais, etc. Informaremos sobre como evoluciona esta experiencia!

Ramón Becerra
SantoEstevo
SantoEstevo2
SantoEstevo3
SantoEstevo4SantoEstevo5

Noticias de Barreiros