Para o BNG, o goberno de Barreiros non quere dar explicacións sobre a situación municipal

Para o BNG, o goberno de Barreiros non quere dar explicacións sobre a situación municipal

18-07-17

Barreiros, 18 de xullo de 2017. Hai dúas semanas que o Grupo Municipal do BNG en Barreiros rexistrou formalmente a solicitude de pleno extraordinario para que o equipo de goberno municipal tivese que explicar publicamente cal era a situación dos diversos servizos que se prestan no Concello e que, coa chegada da tempada estival, se manifestou máis notablemente a falta de organización e de planificación dos mesmos.

Á falta de socorristas na primeira fin de semana de xullo, sumouse a absoluta deixadez dos traballos de desbroces en todas as parroquias e mesmo a falta de planificación e preparación dos areais.

A raíz de que o BNG o fixese público e nun intento desesperado de “lavar a imaxe dun goberno municipal que nin goberna nin pensa no municipio, comezaron a realizarse traballos como os de desbroces sen planificar e atendendo exclusivamente a onde se xeraba máis presión veciñal”, aseguran desde o BNG. “Se as cousas se fixesen ordenada e organizadamente, os traballos podían estar feitos con persoal municipal; pero se se agarda a entrado xullo para facelos, pasa isto e agora recúrrese a empresas privadas para que fagan traballos que poderían facerse con medios propios. Gustaríanos saber cantos cartos a maiores nos van costar estes traballos que se están facendo por culpa da incompetencia dun Alcalde que non se ocupa do seu Concello e dun equipo de goberno que non actúa como tal”, manifestan desde a formación nacionalista.

“A desesperación é tan grande que, nos lugares nos que máis presión veciñal reciben, acondicionan incluso parcelas privadas”, aseguran. “Estanse segando en parroquias costeiras terreos pertencentes á Igrexa, tanto de uso público como as entradas e mesmo hortas desa institución que non son de uso público. Mentres, as parroquias do interior, que como vive menos xente e reciben menos visitas, están totalmente desatendidas sen sequera rozar os camiños polos que circulan a diario veciñas e veciños”, afirma Ana Ermida.

O goberno municipal ten que dar explicacións

Desde o BNG aseguran que “o feito de non convocar o pleno amosa a intención clara de fuxir cara adiante, non dar explicacións e, desesperadamente, ir poñendo parches para intentar calmar os ánimos e aparentar que están facendo algo.”

“O problema para Alfonso Fuente e o seu equipo é que, a estas alturas, as explicacións non llelas deben exclusivamente ao BNG; senón que é a xente quen llelas pide, organizándose e amosando o seu descontento, como puidemos comprobar a fin de semana coa convocatoria polo vertido de augas fecais á praia de Arealonga.”

Ana Ermida asegura que “saír dicindo que non é un problema novo aínda debera darlle máis vergoña, porque non fai outra cousa que plasmar a súa incompetencia e a falla de interese que amosou en todos estes anos por solucionar ese problema. Igual ata temos que recordarlle, acudindo á hemeroteca, que non hai tanto negaba a existencia deses verquidos.”

O BNG esixe que convoque o pleno solicitado e que o faga coa intención de explicarlle ás veciñas e aos veciños toda a verdade da súa xestión, cal ou cales son as razón da situación actual e por que o goberno municipal non actúa para solucionar os problemas do Concello.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *