











O vindeiro sábado, 11 de xuño, rematará esta peregrinación a través do Camiño Inglés: “faremos a última etapa ata Santiago, que ten un percorrido de 8 quilómetros. E entraremos na Catedral pola Porta Santa e asistiremos á misa do peregrino. Agardamos que poida asistir todo o grupo e así culminar como se merece esta peregrinación”.
A asociación cultural de sendeirismo Camiñantes e Camiños, de Barreiros, arrincaba con esta iniciativa o pasado 9 de abril en Ferrol. Arredor de 50 persoas se dan cita cada fin de semana para realizar unha etapa do Camiño de Santiago, a través da ruta elixida cada ano, que a súa directiva decidía retomar despois do parón ocasionado pola pandemia do covid.
Barreiros, 2 de xuño, 2022. O Concello de Barreiros segue a traballar na mellora da súa imaxe e posicionamento turístico, mediante a restauración estética e actualización dos contidos dos paneis turísticos situados en puntos estratéxicos do territorio municipal tales como as praias de Arealonga e Altar, o Santo Estevo do Ermo, ou o Camiño de Santiago, entre outros.
A alcaldesa, Ana Ermida explica que, “deste xeito, ademais da substancial mellora da imaxe conseguida, xa que estes paneis estaban bastante deteriorados, aproveitouse para ofrecer información útil e gráfica sobre os recursos imprescindibles e oferta turística do concello. Así, os e as visitantes, practicamente nun só golpe de vista, poden facerse unha idea global de todo o potencial turístico de Barreiros. Por outra banda, remiten tanto aos servizos presenciais de información turística como ás ferramentas online para que os e as viaxeiras poidan ampliar información se o desexan”.
A colocación dos paneis foi posible grazas á colaboración entre o persoal de turismo e o de obras, que se encargaron dos contidos e da colocación, respectivamente.
Neste senso, o Concello tamén está a traballar na mellora de sinais e paneis puntuais tanto no Camiño de Santiago como no Santo Estevo do Ermo atendendo así ás demandas dos e das visitantes e á lóxica e necesaria actualización da imaxe e da información proporcionada. Melloras que en breve estarán finalizadas.
Ermida subliñou que “estes traballos únense tanto ao recente reacondicionamento e sinalización do novo trazado da Ruta Lagoa de Pallares cuxa información está dispoñible na web municipal entre outras plataformas a nivel xeodestino, como á planificación de novidades de cara ao verán que, agardan, redunden nunha imaxe turística actualizada e no posicionamento de Barreiros como destino para visitar en calquera época do ano aproveitando a súa riqueza natural e cultural”.
Barreiros, 2 de xuño de 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Barreiros, José Manuel Gómez Puente, esixe ao equipo de goberno local axilizar os traballos de roza e limpeza de beirarrúas no casco urbano de San Cosme ante “o seu estado de abandono: atópanse intransitables”.
O popular advirte que “os veciños teñen que baixarse das beirarrúas e camiñar pola calzada en determinadas zonas como, por exemplo, enfronte á gasolineira. Non é admisible”, subliña. Ademais de ser “incómodo”, Gómez Puente sinala que “pode supoñer risco de caída para os numerosos veciños que pasean ou se achegan ao centro a facer as súas compras. A maleza ocupa a totalidade da beirarrúa impedindo camiñar por ela e, moito máis, co carriño da compra”.
O voceiro popular convida á alcaldesa a dar un paseo pola zona para que poida comprobar o estado de abandono das beirarrúas nunha época na que a maleza medra rapidamente e insiste en que os traballos de roza e limpeza son “prioritarios”.
A rehabilitación deste lavadoiro enmárcase dentro dun proxecto de recuperación do patrimonio material e inmaterial asociado a estes espazosBarreiros, 1 de xuño de 2022. O Concello de Barreiros vén de recibir a comunicación da obtención de fondos, ao abeiro da subvención para mellora do impacto paisaxístico do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, para a rehabilitación do lavadoiro do Santiño, situado a carón da N634 en San Cosme, cun fácil acceso ao mesmo.
Dito lavadoiro ten a singularidade de contar cunha cuberta a catro augas que precisa de ser renovada completamente, ao estar os elementos estruturais nun avanzado estado de deterioro. Ademais, as actuacións contemplan a recuperación dos muros de pedra, a limpeza das pías, a recuperación da fonte e a drenaxe e adecuación do terreo, xa que a humidade existente no chan do lavadoiro fai inviable un uso hixiénico do mesmo.
O orzamento de ditas actuacións é de 16.742,76 €, para o que se obtivo unha axuda de 11.719,93 €; debendo asumir o Concello os algo máis de 5.000 euros de diferenza.
A alcaldesa explicou que dita actuación “non pretende ser algo puntual e illado, senón que se enmarca dentro dun proxecto que responde a intención do goberno municipal de recuperación do patrimonio etnográfico galego, tanto na súa vertente material, como inmaterial. E vén sumarse a outras pequenas melloras que, ou ben xa fomos facendo noutros lavadoiros, ou temos previsto levar a cabo; dentro da acción global de visualizar uns elementos patrimoniais que non só foron moi utilizados en tempos, senón que supuñan auténticos lugares de reunións sociais, especialmente das mulleres.”
CONEXIÓNS MÓBILES MÁIS VELOCES E MELLOR COBERTURA CHEGAN A BARREIROS.
Nos vindeiros días, as operadoras de telefonía móbil; Telefónica, Vodafone e Orange, van despregar novas redes móbiles de última xeración sobre as bandas de 700 e 800 MHz. en Barreiros polo que, segundo informan desde a empresa #Llega700, pode haber domicilios que se vexan afectados na visualización das canles da televisión dixital terrestre (TDT).
|
No caso de que se detecten anomalías na visualización dalgunha canle, as veciñas e veciños que o desexen poden contactar coa empresa LLega700 no telf.
900.833.999 ou a través do correo
[email protected]
Esta empresa é a encargada de garantir a compatibilidade entre a posta en marcha da emisión móbil, 4G e 5G, coa recepción do servizo de TDT. Polo tanto, prestan aos cidadáns unha serie de servizos GRATUÍTOS que inclúen un procedemento correctivo tras o acendido das estacións a o longo dos vindeiros 6 meses.