«Pagamos un mínimo de 1.200 euros por traballar oito horas a quendas e non atopamos xente»

Lucía Rey

LUCÍA REYBARREIROS / LA VOZ

BARREIROS · Exclusivo suscriptores

Pepe Fernández, coa súa muller, fundadores e propietarios do restaurante O Asador, en Barreiros, co Prato de Ouro co que foi recoñecido o seu negocio hostaleiro hai uns meses

Pepe Fernández, coa súa muller, fundadores e propietarios do restaurante O Asador, en Barreiros, co Prato de Ouro co que foi recoñecido o seu negocio hostaleiro hai uns meses XAIME RAMALLAL

O propietario do restaurante O Asador, de Barreiros, Pepe Fernández, súmase ás queixas de hostaleiros mariñáns que están tendo dificultades para cubrir postos vacantes para o verán

27 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Orestaurante Asador, situado en San Cosme de Barreiros, súmase á longa lista de negocios hostaleiros da comarca que está tendo moitas dificultades para cubrir os postos vacantes que se presentan de cara ó verán, pero tamén para todo o ano, como explica o seu propietario, Pepe Fernández Fernández.

—En que situación se atopan?

—No restaurante chegamos a ser 25 persoas en plantilla, aínda que neste momento somos 19. Pero para o verán, que é a época máis forte, e na que tamén hai vodas e banquetes, necesitaríamos tres ou catro máis e cada vez hai máis problemas para encontrar xente para traballar. Temos un posto na cociña bailando que se atopásemos un traballador que dese resultado cubriríamolo de inmediato.

—O da hostalería semella un sector complicado. Moita xente di que as condicións non son boas e por iso a xente trata de evitalo. Concorda con iso? Que ofertan no seu caso?

—Nós pagamos un pouco por riba do convenio, un soldo mínimo de 1.200 ou 1.300 euros e de aí para riba segundo a formación, a experiencia e como se defenda a persoa no traballo. A xornada laboral é de oito horas e algo a quendas continuas de mañá ou tarde, cun día e pico libre a semana, pagas extras e vacacións… E no traballo poden tomar un café, unha auga, un refresco…, comer un pincho… Non se lles priva de comer nin de beber dentro dunha orde, polo que o soldo aquí case é libre. E aínda así non atopamos xente.

—Cales son, na súa opinión, os motivos polos que non se atopan traballadores?

—Penso que se as administracións mirasen ben a quen lle están dando as axudas de 400 euros habería máis xente traballando, porque neste momento hai xente que ás cobra e á vez está facendo chapuzas, traballos clandestinos a baixo prezo. Iso por unha banda é competencia desleal porque eles non pagan nada, e por outra fai que non queiran traballar onde lles dan traballo con todas as da lei. A xente está desmotivada para traballar, e iso percíbese porque resulta que hai moita xente no paro, e á vez resulta que non hai quen queira traballar. Entón, cal é o problema?

—Hai negocios que cambian a miúdo de persoal. É o seu caso?

—Todo o contrario. Nós non somos de andar cambiando persoal. A traballadora máis veterana, que é unha muller que temos na cociña, fai para xuño ou xullo deste ano 29 anos con nós. Temos un camareiro que leva 27 anos, outro 26, outro 15…, case todos teñen de dez anos para riba de antigüidade na casa.