Os socialistas de Foz queren que, de cara ao vindeiro verán, o concello habilite unha praia canina

Os socialistas de Foz queren que, de cara ao vindeiro verán, o concello habilite unha praia canina.

Atendendo a unha demanda bastante ampla en Foz de donos de mascotas e colectivos defensores dos animais, o grupo municipal socialista vai presentar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno, solicitando que o equipo de goberno estude a posibilidade de habilitar unha, ou parte de unha, das 13 praias do noso concello para que os donos de cans poidan desfrutar delas xunto coas súas mascotas.

O concello de Foz dispón de moitos quilómetros de praia, polo que, algunha delas ou algún tramo podería acoutarse para o uso e desfrute dos donos de cans, como xa sucede noutras localidades veciñas. Abrir un espazo nas nosas praias para o seu uso xunto coas mascotas – sinala o concelleiro socialista Chema Linares – sería un paso importante e unha decisión acorde cos tempos para satisfacer esa demanda dos propietarios de cans e dos colectivos de defensa dos animais. Ademais creemos que aportaría beneficios turísticos ao concello, xa que tampouco é excesivo o numero de areais na comarca que dispoñan desta posibilidade,  seguramente se incrementaría o numero de turistas que decidisen pasar os seus días de ocio no noso concello ao ter o aliciente de poder desfrutar da praia xunto coas súas mascotas.

En Foz, xa houbo unha petición veciñal con recollida de sinaturas para habilitar una praia canina, petición que debeu caer “no saco roto” do alcalde, Javier Castiñeira, xa que non fixo movemento ningún por darlles resposta a súa demanda – remata o concelleiro socialista.