Os socialistas acusan ó PP de paralizar obras por valor de 170.000 euros

Os socialistas acusan ó PP de “paralizar obras de 170.000 euros en estradas provinciais que fan de acceso ás praias da Mariña”

21-07-15

O voceiro provincial socialista, Darío Campos Conde, acompañado por compañeiros do PSOE na Mariña, denunciou e demostrou este martes con documentación oficial que o Goberno do PP na Deputación de Lugo decidiu, “arbitrariamente”, paralizar obras en estradas provinciais que fan de acceso a praias de toda a comarca mariñá. “É un verdadeiro ataque á Mariña, pois a decisión arbitraria dos populares afecta a areais das zonas Oriental, Occidental e Central da Mariña, prexudicando á economía, ao turismo e á imaxe de toda a Comarca, nun momento, como o verán, no que estamos a recibir a miles de visitantes”, remarcou.

Campos Conde explicou que o Goberno progresista de Gómez Besteiro na Deputación de Lugo aprobou na Xunta de Goberno Provincial do 15 de maio un plan de obras para mellorar accesos viarios provinciais a praias de toda a Comarca por valor de 401.216 euros e en resposta ás peticións dos veciños nos Orzamentos Participativos de 2015. Podes consultar a acta de dita Xunta de Goberno na seguinte ligazón: bit.ly/1edRA2Z.

“Sen facer distinción algunha, como non pode ser doutro xeito, acordamos mellorar o firme aglomerado en quente, reforzar a sinalización e limpar cunetas nun total de 6,57 quilómetros de 6 vías provinciais que fan de acceso a outros 6 areais en Barreiros, Foz, Ribadeo, O Vicedo e Viveiro, é dicir, en Concellos de todas as cores políticas”.

“Aprobadas estas actuacións, polo tanto, co visto e prace do Servizo de Intervención e o orzamento necesario para a súa execución; as obras xa estaban en fase de contratación. Pero, sen xustificación válida algunha, pois hai presuposto e ata dédeba financeira cero grazas á boa xestión do Goberno de Besteiro na Deputación, o Executivo popular de Candia paralizou obras de 170.000 euros, concretamente, as das melloras aos accesos ás praias dos Castros, en Ribadeo; Llas, en Foz; e Abrela, no Vicedo, aínda que neste caso a estrada é de Viveiro, polo que a decisión arbitraria do PP afecta a este Concello”.

Explicacións pola decisión arbitraria
O voceiro engadiu que “Candia debe explicar aos veciños da Comarca, aos mariñáns que pediron estas obras durante a elaboración dos Presupostos Participativos da Deputación para 2015, porque frea obras en Ribadeo, Foz e Viveiro, mentres decide continuar coas de Barreiros e O Vicedo. En que se baseou para tomar esta decisión?”.

A Xunta de Goberno do 15 de maio aprobou o seguinte plan de obras:
– LU-P-0610, que dá acceso ás praias de Altar, Reinante e Os Castros, no Concello de Barreiros, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 4,450 e 7,450. O orzamento é de 142.321 euros. CONTINÚA A CONTRATACIÓN QUE INICIOU O GOBERNO PROGRESISTA EN RESPOSTA ÁS PETICIÓNS DOS VECIÑOS.

– LU-P-2011, de acceso á praia de Llas dende Marzán, no Concello de Foz, cunha inversión de 39.098 euros para a mellora do treito entre os puntos quilométricos 0,178 e 0,464. ANULADA POLO GOBERNO POPULAR DE CANDIA.

– LU-P-5206 e LU-P-5208, que supoñen dous accesos diferentes á praia dos Castros, en Ribadeo. No caso da primeira delas, actuarase entre os p.k. 0,206 e 0,906; no caso da segunda, do p.k. 0,000 ao 0,655. Son en total 1,55 quilómetros en cuxa mellora investiranse 68.804 euros. ANULADA POLO GOBERNO POPULAR DE CANDIA.

– LU-P-6405, que dá acceso á praia de Xilloi, no Concello do Vicedo, entre os puntos quilométricos 2,070 e 3,440, ao que hai que engadir o propio ramal de acceso á praia, sumando uns 1,5 quilómetros. O importe da mellora neste caso é de 90.942 euros. CONTINÚA A CONTRATACIÓN QUE INICIOU O GOBERNO PROGRESISTA EN RESPOSTA ÁS PETICIÓNS DOS VECIÑOS.

– LU-P-6412, que une Viveiro coa praia de Abrela no Vicedo. O tramo obxecto de actuación é o comprendido entre os puntos quilométricos 0,150 e 1,175, no Concello de Viveiro, cun orzamento de 60.048 euros. Deste xeito, completábase a mellora total da vía, posto que no tramo do Vicedo xa se actuara no seu momento. ANULADA POLO GOBERNO POPULAR DE CANDIA

Paralizacións do PP
Campos Conde salientou que “está é unha mostra máis da paralización á que o Goberno do PP mantén sometida á Deputación de Lugo, en detrimento dos veciños, do emprego e da economía da nosa provincia. Dende que chegou á Presidencia, Candia só se adicou a cambiar pechaduras no organismo provincial e a paralizar proxectos de xeito totalmente partidista. Primeiro, foi a exposición de ferreiros na Fonsagrada, que decidiu non levar; logo retirou as máquinas do Parque Móbil Provincial que estaban a arranxar vías municipais de Láncara e Lugo, entre outros Concellos. Simultaneamente, freou o Ben Empregado II, bloqueando a creación de 306 empregos de calidade en 288 empresas e asociacións da provincia. Agora, suprime 4 das 6 obras de mellora en accesos provinciais ás praias da Mariña que deixamos listas para a súa execución, prexudicando, gravemente, á comarca” salientou.