Os cabezudos e os xiguantes de Barreiros, nas súas caixas

Puede ser una imagen de 2 personas
 Os cabezudos e os xiguantes de Barreiros, nas súas caixas.EP
Kukas restaurou para Barreiros os seus xigantes e cabezudos, un ben que potenciarán

A restauración dos cabezudos e dos xigantes do Concello de Barreiros pon en valor a historia deste ben artístico que ten a súa orixe nun obradoiro de deseño dirixido en abril de 1995 polo artista mindoniense Juan Puchades, no que tamén se fixeron as estruturas metálicas e o traballo de costura para a súa vestimenta. Un ano despois quedarían listos. Por iso cumpriron 25 anos o ano pasado. Os autores foron veciños do concello barreirense con inquedanzas artísticas.

O concelleiro de dinamización, cultura e deporte de Barreiros, Daniel García, explica que ao chegar ao Concello viu que se atopaban deteriorados, polo que pensou que sería interesante acometer a súa recuperación. Para iso pediu axuda á Vicepresidencia da Deputación presentando un proxecto con tal obxectivo e que se cofinanciou por parte do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad). Custou case 5.000 euros e Kukas Producións artísticas foi a empresa encargada de acometer os traballos necesarios.

Barreiros xa ten de novo os seus seis cabezudos e os dous xigantes preparados para amosar e aproveitar en diferentes festas. O concelleiro conta que percorrían as rúas durante o Entroido, aínda que nos últimos anos non saían moito, por motivos que descoñecen, aínda que supón que sería pola dificultade de atopar xente que os levase. O máis danado eran as estruturas de metal e mailo pescozo das figuras, que son de papel tanto nos cabezudos como nos xigantes, que tamén teñen o peito dese material: “Os cabezudos estaban ben conservados, pero tiñan unha deterioración, non por un mantemento malo senón polo uso. Atopámolos no antigo teleclube de San Cosme. O que estaba en peor estado eran as estruturas, que estaban gardadas nun sitio pouco axeitado, nunha nave municipal, xunto cos xigantes”.

Puede ser una imagen de 2 personas e interior

Daniel García e Kukas vendo o pallaso. EP

OS PERSONAXES. Daniel García indica que a súa historia non está moi relacionada co concello nin é mitolóxica, como acontece noutras localidades, senón que o seu vencello ten que ver co feito de que fosen veciños quen os fixesen no obradoiro devandito.

Os protagonistas desta historia son un pallaso, un home maior, e unha dona tamén maior, un licenciado e un mariñeiro. Os seus autores fixéronos seguindo os gustos de cada un. Dese xeito unha rapaza do concello tiña unha figura dun pallaso e o seu tío foi unha das persoas que participou no obradoiro, polo que fixo un a semellanza daquel personaxe.

Cando no Entroido do 2020 decidiron sacalos ao desfile viron con maior detalle a súa deterioración nalgunhas partes. Daquela tamén constataron que as estruturas debían ser máis funcionais no seu manexo para adaptalas mellor aos levadores, que soen ser xente adulta ou algo máis nova. Aí naceu a idea de facer un proxecto de restauración.

PARTICIPACIÓN. A intención era “facelo máis participativo pero por mor da pandemia foi imposible porque non podiamos xuntar xente e ademais había que traballar con materiais como as pinturas e necesitas unha ventilación e un local amplo”, sinala o concelleiro, Tamén querían contar con Puchades, pero pola súa enfermidade descartouse. E logo buscaron os familiares dos autores para tratar de integralos no proceso: “É algo persoal, teñen parte desas persoas, decidiron elas como pintalos e moldealos, pero tampouco puido facerse como nos gustaría, así que contamos con aportacións puntuais”.

As estruturas son as mesmas, aínda que houbo que modificar algunhas partes para facelas máis funcionais para os portadores. “Nas orixinais tiñan que agacharse para descansar, nestas intentamos que pouse a figura e se poida poñer de pé sen ter que saír, senón perde a esencia do cabezudo”, explica o concelleiro. “Cambiouse o sistema, levaba un ferro arredor do cal o portador metía os brazos para suxeitalo, agora vai agarrado tipo mochila, cunhas correas de atrás cara diante que se apretan para que a cabeza non se mova, é máis cómodo”, apunta Daniel.

MÁIS EXPRESIVAS. O concelleiro de cultura indica que a vontade non foi cambiar as cabezas senón “só restauralas e facelas un pouco máis expresivas. O labor parece pouco, pero vendo o antes e o despois nótase a diferenza logo do repintado, é un traballo laborioso”. Os artistas Kukas e Isabel empregaron a redor dun mes, periodo no que algún familiar dos autores pasou a ver o proceso e botou unha man con pequenas aportacións, algo que se fixo con cita previa no canto do obradoiro que lles gustaría ter feito.

Como remate do proxecto pretenden achegalos á veciñanza. Pensaron en levalos aos centros educativos, onde pretenden facer algún obradoiro con participación dos escolares e dos familiares dos autores das figuras.

Daniel García di que é habitual que os barreirenses vaian ver os Cocos a Ribadeo ou Lourenzá cando no seu concello contan igualmente con “un ben que temos que conservar e intentaremos que duren moitos anos máis e que a conservación sexa a mellor posible para que que poidan saír moitos Entroidos e nalgunha outra festa de Barreiros”.

Para facilitar a súa conservación creáronlles unhas caixas, que foron parte do proxecto. Iso elevou o custo, pero permiten o seu almacenamento e tamén serven para expoñelos ou transportalos, segundo García. Queren que sexan parte do día a día de Barreiros e aínda non teñen definido onde se gardarán. Os traxes non foi necesario arranxalos porque as teas estaban en bo estado.