OLLOMAO ORGANIZA ESTE SÁBADO EN BARREIROS UN OBRADOIRO EXPRES DE PORTUGUÉS

 cartel Obradoiro de Portugués (1)
O curso, de dúas horas de duración, está impartido por AGAL e aporta ferramentas para falar e escribir correctamente portugués a partir do idioma galego. Está dirixido a público en xeral e a nenos e nenas a partir de 12 anos 
“O noso idioma ábrenos a posibilidade de comunicarnos con 280 millóns de persoas en todo o mundo e esa é unha vantaxe que temos que aproveitar”, afirma Tamara Rubiños, presidenta de Ollomao
Barreiros, 7 de maio de 2015. O Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros organiza este sábado no Centro Sociocultural de San Cosme un Obradoiro expres de portugués co obxectivo de fornecer de ferramentas para poder falar e escribir en portugués a partir do idioma galego e concienciar á poboación das posibilidades que se abren aos galegos e galegas a través dos países da Lusofonía.
Aproveitando o mes de maio, no que se celebra o Día das Letras Galegas, o colectivo cultural barreirense pretende “poñer en valor o noso idioma e demostrar a súa utilidade, xa que a través do galego ábrensenos moitas posibilidades, posto que podemos entendernos con 280 millóns de persoas en todo o mundo”, explica a presidenta de Ollomao, Tamara Rubiños.
Con este obxectivo, Ollomao organiza un obradoiro intensivo de dúas horas de duración que comezará ás 7 da tarde e que posibilitará aos asistentes coñecer as principais claves e ferramentas necesarias para escribir e falar portugués a partir do idioma galego. Este obradoiro de portugués simple está dirixido á poboación en xeral e a nenos e nenas a partir de 12 anos.
Será impartido por profesores da Asociación Galega da Lingua (AGAL) que promove a interacción de Galicia co mundo da lusofonía. O obradoiro está deseñado dun xeito moi ameno, usando como materiais recursos como música ou audiovisuais.
As persoas interesadas en participar neste obradoiro poden apuntarse mandando un email a [email protected] ou chamando ao teléfono 650542932.
O portugués, sexta lingua máis falada no mundo
Actualmente o portugués é a sexta lingua máis falada no mundo, oficial en 4 continentes e 8 países, sendo algúns deles, como Brasil, potencias emerxentes neste momento. “O mundo de fala portuguesa, a lusofonía, é neste momento unha oportunidade, e o galego é unha entrada privilexiada para acceder a ese mundo, unha verdadeira vantaxe competitiva que temos os galegos e galegas e que temos que saber aproveitar”, afirma Tamara Rubiños.
O portugués é a lingua principal de Portugal, Brasil, Angola, Guinea-Bissau, Mozambique, Cabo Verde, Santo Tomé e Príncipe e Timor Oriental. Todos eses países conforman a Comunidade de Países da Lingua Portuguesa.