OLLOMAO ESTREA A SÚA ÚLTIMA PRODUCIÓN ESTA FIN DE SEMANA EN SAN MIGUEL DE REINANTE

OLLOMAO ESTREA A SÚA ÚLTIMA PRODUCIÓN ESTA FIN DE SEMANA EN SAN MIGUEL DE REINANTE

“O DOCUMENTO”, UNHA CREACIÓN DO GRUPO A PARTIR DO CONTO HOMÓNIMO DE ÁNXEL FOLE, É O TÍTULO DESTA NOVA PROPOSTA DO GRUPO BARREIRENSE.

Despois do éxito da súa última produción, Enciclopedia Álvarez, da que xa se levan realizado máis de 30 representacións e que aínda sigue mantendo en cartel, o grupo de teatro do Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros presenta unha proposta completamente novidosa e que supón un xiro de 180 graos a respecto da obra anterior.

Se na Enciclopedia o texto era a base fundamental na que se sustentaba a obra, neste caso, o texto é só un pretexto que lles permite aos actores e actrices do grupo explorar novas formas teatrais como o clown ou a comedia dell´arte e a partir de aí crear personaxes, que non son puramente clowns nin personaxes da comedia, pero que si teñen algo da súa impronta, aínda que acaben convertidos en personaxes do noso teatro popular

Manueliño atopa unha carta de amor no mandil da súa moza Sabeliña. Desesperado polos celos non atopa outra saída que non sexa o suicidio. Para iso subirase ao cimo dun freixo no que pretende colgarse. Pero aí empeza un incesante ir e vir de personaxes ao redor da árbore que intentarán facerlle desistir do seu empeño

A partir deste sinxelo fío argumental sucédese un desfile de personaxes atemporais no que se mesturan desde tipos dos máis comúns e característicos da nosa terra con arquetipos universais.

O Documento é sobre todo un xogo. E como en case todos os xogos o espazo e o tempo perden importancia. Os personaxes deambulan por unha fraga que non é unha fraga, nun tempo que non é o presente, nin tampouco o pasado… se cadra é o futuro… quen sabe!

O Documento é un xogo porque pretende que todos nos volvamos un pouco nenas e nenos e desfrutemos das cousas sinxelas, sen artificios. Un xogo que fai

que volvamos rirnos do cura que se desmaia porque descobre que a súa “amada” está namorada doutro,… do capitán ao que non lle gusta o exército ou da notaria sabichona que non é capaz de traer un vaso de auga.

E todo isto nun escenario case baleiro que pretende simbolizar o estado no que están a quedar as nosas fragas. Porque: “Señoras e señores, isto é unha fraga; cousas do teatro”

As funcións terán lugar nos Colexios Vellos de San Miguel o venres 20 ás dez da noite, o sábado 21 ás oito e o domingo 22 ás seis da tarde. As entradas, que xa se poden adquirir contactando con algún dos membros da directiva de Ollomao ou dos integrantes do grupo de teatro, teñen un prezo de 4 €. A este respecto, desde a Directiva de Ollomao recordan que as entradas reservadas estarán a dispor de quen fixo a reserva ata media hora antes do inicio da función na billeteira do teatro, na que tamén se contará, como mínimo, co cupo establecido legalmente para a venda directa en taquilla. De non retiralas nese prazo, poranse á venda. Tamén indican que cada entrada só é válida para o día e hora que figura na mesma e que os menores pagan entrada sempre e cando ocupen asento.