“OLLOMAO” ESTREA A SÚA NOVA PRODUCIÓN EN BARREIROS

“OLLOMAO” ESTREA A SÚA NOVA PRODUCIÓN EN BARREIROS

“ENCICLOPEDIA ÁLVAREZ” REPRESENTARASE POR PRIMEIRA VEZ NOS COLEXIOS VELLOS DE SAN MIGUEL OS DÍAS 3, 4 e 5 DE NOVEMBRO

O venres 3 de novembro ás dez da noite o grupo de teatro do Colectivo Cultural Ollomao porá en escena a súa nova obra no salón de actos dos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante. O sábado 4 haberá unha nova función ás oito da tarde e o domingo 5 unha terceira oportunidade ás seis da tarde. Con esta variedade de horarios procúrase que todas as persoas que o desexen poidan ter oportunidade de achegarse para participar nalgunha das representacións.

A “Enciclopedia Álvarez” é sen dúbida, o libro que con máis claridade identificamos coa escola da época franquista. Un compendio de saberes reunidos nun ÚNICO volume como símbolo daquela escola centrada na transmisión do pensamento “único”, da ideoloxía “única”, da lingua “única”, da relixión “única”,…

A nosa “Enciclopedia Álvarez” é a historia do día a día de catro nenas e catro nenos sometidos á absurda e ilóxica “des-educación” da escola franquista. Unha historia contada con humor, porque desde o humor é máis agradable exercer a sempre necesaria memoria histórica. Unha historia que nos axuda a comprender o absurdo dun sistema educativo autoritario e irracional. Un absurdo incrementado polo paso do tempo, pero que durante máis de corenta anos foi un dogma imposto pola forza.

A nova educación imposta polo franquismo debía borrar todos os aspectos de renovación e avance educativos. Fronte á idea republicana de “formación de cidadáns libres e iguais” agora tratarase de “formar leais e entregados súbditos” da nova España que se estaba construíndo. A escola debía inculcar unha serie de valores que se poden resumir nun exaltado patriotismo españolista e na obediencia a Franco e ás autoridades.

A ditadura volve separar nenas e nenos, cambia de novo os planos de estudos, reintroduce a Relixión como materia obrigatoria e introduce “Formación del Espíritu Nacional” e “Enseñanzas del Hogar”, esta última só para as nenas, e ambas as dúas impartidas por militantes de Falanxe. Así, o ensino quedaba totalmente controlado.

Pasouse, por dicilo de forma moi plástica, a unha “escola que tiña púlpitos en lugar de tarimas, reclinatorios no canto de pupitres e encíclicas por libros de texto”.

Ao mesmo tempo, como afirma o profesor Antón Costa Rico, “O profesorado era agora, “á forza”, un colectivo medoñento, autocensurado, autorreprimido, pasivo, resignado e submiso. Un colectivo ao que se chega, en moitos casos, de forma irregular como ex combatentes falanxistas ou mulleres da Sección Femenina”.

 “Enciclopedia Álvarez” é unha invitación ao sorriso. Un achegamento a estas historias desde os ollos inocentes dos nenos e nenas protagonistas da obra. Nenos e nenas que as lembran desde a súa posición actual de adultos e baixo o prisma do paso do tempo que todo o suaviza. Unha invitación ao sorriso, sobre todo porque nos fala dun pasado “aparentemente” afastado da nosa realidade actual.

As entradas, que xa están á venda en establecementos do concello de Barreiros ata o 31 de outubro, teñen un prezo de 3 €. Desde Ollomao recordan que o aforo está limitado a 150 persoas por función, polo que se debe adquirir a entrada para o día que se desexa asistir. Igualmente, haberá tamén venda en taquilla, que se abrirá media hora antes de cada función.

Para máis información sobre este eventou ou consultar a posibilidade de cambios de día sobre as entradas, está dispoñible o número de teléfono  635 50 13 56 (Ramón Casas Oroza).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *