Ollomao entrega os premios da IV edición do certame fotográfico “Enfocando Barreiros

Ollomao entrega os premios da IV edición do certame fotográfico “Enfocando Barreiros”, este domingo, no marco das Xornadas de Historia local de Barreiros.

Vella escola” é o título da fotografía gañadora da modalidade adulta da IV edición do certame fotográfico “Enfocando Barreiros” que nesta ocasión levou por lema “Aprender no rural no obxectivo”. A instantánea, autoría de Francisco López, veciño de Viveiro, amosa unha toma da escola unitaria de Vilamartín Grande, a día de hoxe abandoada e sen uso. Por outra banda, o gañador da modalidade infantil foi Daniel Rego, veciño de Foz, cunha fotografía dunhas mans de persoa maior mostrando como se abren as vainas para obter as fabas.

Ollomao agradece a Xulio Villarino, José Reigosa, Xaime F. Ramallal, José María Pérez Rielo e Natalia Blanco Pérez, gañadora adulta da anterior edición, a súa participación como xurado neste certame. Os premios serán entregrados este domingo, 19 de abril a partir das 16:30h., nos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante, no marco das “Xornadas de Historia Local de Barreiros” que teñen a mesma temática: “Aprender no rural

Nesta cita, organizada coa finalidade de dar a coñecer a historia da educación e das escolas do concello barreirense, foi configurada unha mesa de participantes que traballan no campo do ensino, coa finalidade de mostrar como foi a educación no pasado na área rural e cómo é a día de hoxe naquelas aldeas onde aínda segue a darse clase nas escolas unitarias. Unha das persoas que tratarán en profundidade a historia local do ensino no rural é Antón Costa Rico, Catedrático de Historia da Educación na Universidade de Santiago de Compostela e que tén abondado no estudo da vinculación entre educación e ruralidade. Ademais, convén destacar, que foi alumno nos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante na súa etapa como alumno de escola primaria.

Aproveitando a ocasión, Ollomao convoca tamén a todas as persoas participantes na II edición da Universidade Rural de Barreiros para facer entrega dos diplomas acreditativos do seu paso por esta iniciativa, e darase a coñecer a III edición, planificada para a volta do verán.

Esta cita, o domingo 19 de abril ás 16:30h., está aberta a todas as persoas interesadas en participar.