Ollomao de Barreiros inicia un novo proxecto teatral

Co fin de incorporar novas actrices e actores celebrarase unha reunión o vindeiro luns en San Miguel de Reinante

O grupo de teatro do CC Ollomao vai poñer en marcha un novo proxecto teatral de cara ao vindeiro ano 2023.

Tal e como establece o regulamento deste grupo teatral, dous dos obxectivos básicos do mesmo son:

1. Implicar á veciñanza na “produción da cultura”. É dicir, ver a cultura como algo que non chega de fóra senón que somos nós mesm@s os que somos capaces de “facer cultura”
2. crear lazos entre persoas dispares que se senten unidas por unha
actividade común, neste caso o teatro.

É por iso que, como ven sendo habitual ao iniciarse un novo proxecto, ábrese a posibilidade de integración de novas persoas que estean interesadas en participar nesta actividade.

Aínda que o ámbito territorial do CC Ollomao é o Concello de Barreiros, iso non implica que se lle vete a entrada a xente de outras localidades que estea interesada, sempre e cando acepte as condicións nas que se oferta esta actividade.

A fin de informar sobre este tema e apuntar a aquelas persoas que estean interesadas, convócase unha xuntanza que se vai celebrar nos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante o vindeiro luns 18 de xullo ás 20:00 horas.