Ollomao convoca ó sector hostaleiro e turístico de Barreiros para presentarlle novas actividades para o seu ámbito de traballo

Ollomao convoca ó sector hostaleiro e turístico de Barreiros para presentarlle novas actividades para o seu ámbito de traballo

30-03-15

Barreiros, 30 de marzo de 2015. O Colectivo Cultural Ollomao volve a convocar ao sector hostaleiro e turístico de Barreiros para afondar na liña de colaboración mutua que iniciaron xa no pasado ano.

Nesta ocasión chaman a tomar parte nunha reunión que terá lugar na sala de xunta do centro sociocultural este martes, ás 18.15 horas. Nela, a directiva de Ollomao exporá ao sector a nova semente que se porá en marcha nesta terceira edición da Universidade Rural. Nesta terceira edición desde o Colectivo incorporarán novos contidos, entre os que destaca unha semente dedicada ao turismo como factor de desenvolvemento local.

“Ollomao ten entre os seus obxectivos a defensa e posta en valor do patrimonio e cultura propias, riqueza que nalgúns lugares é visto moi intelixentemente como fonte de ingresos para o desenvolvemento local por medio do turismo. O que pretendemos é aproveitar a Universidade Rural para ter a oportunidade de aprender como o noso concello pode aproveitar todos os recursos cos que conta e ser algo máis que un mar de praias”, explica a presidenta do colectivo, Tamara Rubiños.

Desde o colectivo cultural fan un chamamento ao sector para que tome parte nesta reunión na que se presentará esta iniciativa e tamén se valorarán outras realizadas no ano 2014, como os Xoves Universitarios ou o Teatro nos bares, e se recollerán propostas que poidan aportar as persoas que participen de cara a “seguir aproveitando sinerxias e traballando conxunta e coordinadamente entre os sectores económicos e culturais do concello, logrando así unha oferta variada e que amosa unha imaxe de Barreiros a proxectar en todos os ámbitos”, afirma Tamara Rubiños.

Desde Ollomao valoran “moi positivamente a colaboración nas actividades iniciadas no ano pasado e agradecen a súa disposición e as facilidades para organizalas, agardando que foran igual de satisfactorias para o sector e iso supoña continuar e mellorar nas actividades a realizar, supondo un beneficio para todas e todos”, conclúen.