OBRADOIRO DE TÍTERES INTERXERACIONAIS PARA TRABALLAR SOBRE A VIOLENCIA MACHISTA EN BARREIROS

OBRADOIRO DE TÍTERES INTERXERACIONAIS PARA TRABALLAR SOBRE A VIOLENCIA MACHISTA EN BARREIROS

Desenvolveranse os venres do mes de outubro en horario de 18 a 20 horas nas escolas que están ao carón do Concello.

Nos talleres elaborarán as marionetas e o escenario do conto “Pepuka e o monstro que levou o seu sorriso”, que representarán as persoas participantes o 25 de novembro.

Barreiros, 30 de setembro de 2019. As áreas de igualdade e dinamización do Concello de Barreiros, dirixidas por Montse Porteiro e Dani García, organizan durante os venres deste mes de outubro un obradoiro de títeres, no que fabricarán as marionetas que darán vida ao conto “Pepuka e o monstro que levou o seu sorriso” o 25 de novembro.

Este conto foi escrito pola pedagoga Estela Moreno Bermúdez e trata a historia de Pepuka, que relata como foi perdendo o seu sorriso ao convivir co monstro; pero tamén como a recupera nunha aventura cara liberdade e a felicidade. É unha obra que aborda a violencia machista para traballar desde a infancia, traballando o bo trato e a autoestima.

Dani García, concelleiro de dinamización, explica que “é unha actividade coa que queremos implicar a toda a familia, desde as nenas e nenos aos maiores, para traballar conxuntamente o combate da violencia machista desde todas as ópticas. Con este tipo de actividades trátase de promover actividades que sirvan para unir xeracións e aproveitar coñecementos e sinerxias entre as persoas”, relata. O chamamento a participar realízano para persoas de todas as idades, especialmente persoas maiores e nenas e nenos, para crear un espazo de convivencia e lecer no que traballar, ademais, unha temática tan importante como a educación en igualdade.

A concelleira de igualdade, Montse Porteiro, sinala que “queremos que o que se faga arredor do 25 de novembro non sexa algo simbólico ou puntual, senón que o que se pretende é traballar sobre a temática continuadamente e desde o fondo, traballando coas familias e estendendo a actividade máis alá do propio taller, xa que a historia viaxará coas persoas que a traballen ata as súas casas, polo que tamén chegará ao resto da familia.”

O 25 de novembro, as persoas que participen no obradoiro, representarán a obra no teatro e cos títeres elaborados por elas mesmas, nun acto que será a mostra do traballo que se faga nestes días. A actividade está coordinada pola educadora familiar municipal, que conta xa con experiencia no traballo interxeracional e no desenvolvemento de talleres diversos, como os de memoria que imparte desde o propio Concello.