O XXXIV FESTIVAL FOLCLÓRICO DO EMIGRANTE CELEBRARASE O 1 DE AGOSTO EN SAN MIGUEL DE REINANTE

O XXXIV FESTIVAL FOLCLÓRICO DO EMIGRANTE CELEBRARASE O 1 DE AGOSTO EN SAN MIGUEL DE REINANTE. ADEMAIS DA AGRUPACIÓN O ARCO DA VELLA, ORGANIZADORA, PASARÁN POLO FESTIVAL GRUPOS DE INDONESIA E DE SERBIA.290715 Foto Festival Emigrante

Barreiros, 29 de xullo de 2015. O Festival Folclórico do Emigrante chega á súa 34ª edición o próximo 1 de agosto, data da cita deste ano dun encontro que xunta a música e as tradicións locais con outras foráneas.

Este ano o cartel do Festival, organizado pola Asociación Folclórica O Arco da Vella de San Miguel de Reinante e no que colaboran o Concello de Barreiros e a Deputación de Lugo, ten programadas as visitas da Agrupación Kriba Budaya, de Indonesia, e da Academic Akud Mika Mitrovic, de Belgrado (Serbia). De moito máis preto chega o Grupo Folclórico la Rosa del Azafrán, procedente de Consuegra, en Toledo, e os anfitrións, a agrupación O Arco da Vella, de San Miguel de Reinante. As actuacións terán lugar a partir das 22 horas no campo de fútbol de As Valgas de San Miguel e, en caso de choiva, no pavillón.

Logo das actuacións dos grupos comezará na praza do Souto, sobre ás doce e media da madrugada, a verbena a cargo de Lecer.

O Festival do Emigrante, que é Festa de Interese Turístico Galego, foi presentado esta mañá no Concello polo alcalde, Alfonso Fuente, pola concelleira de Cultura, Adela Rodríguez, e por membros do Arco da Vella co seu presidente, Enrique Penabad, á cabeza.

No acto tamén se anunciou que a V Foliada do Emigrante será o 7 de agosto, venres, na praza do Souto a partir das 21:30 horas.