O VOTO DE CALIDADE DO ALCALDE DE BARREIROS EVITA A REPROBACIÓN DA XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Un concelleiro do PP non asistiu ao pleno e as outras dúas que non marcharon da formación apoiaron que continuase a actual Xunta de Goberno.

A moción presentada polo BNG obtivo cinco votos a favor e cinco en contra, tendo que desempatar o Alcalde co voto de calidade.

Barreiros, 9 de decembro de  2015. No pleno celebrado na mañá de hoxe en Barreiros, despois da solicitude do grupo municipal do BNG, o alcalde e tenentes de alcalde foron sometidos á reprobación da corporación. Coa moción presentada polo BNG todas as concelleiras e concelleiros tiveron que posicionarse sobre se estas tres persoas, á espera de apertura de xuízo oral por un presunto delicto de prevaricación urbanística continuada polo que a fiscalía solicita penas de prisión e inhabilitación, seguen contando ou non co seu apoio para continuar formando a Xunta de Goberno Local de Barreiros. Os votos que obtivo a moción do BNG foron 5 votos a favor e 5 votos en contra, xa que un dos concelleiros que quedan no PP non acudiu ao pleno. “Polo tanto, o Alcalde tivo que facer valer o seu voto de calidade para seguir mantendo a confianza da corporación municipal”, explican desde o BNG. “En caso contrario, de sair reprobada a súa actuación, terían que deixar os seus postos, xa que se explicitaría a falla de apoio da corporación  a estas tres persoas para continuar formando goberno en Barreiros.”

Segundo afirmou a portavoz nacionalista en Barreiros, Ana Ermida, “é evidente que o BNG nunca confiou nestas persoas para formar o goberno de Barreiros, pero deberían posicionarse as persoas que quedan militando no PP.” No debate que houbo no pleno non falou ninguén máis que o Alcalde e as dúas concelleiras militantes do PP que acudiron ao pleno só se posicionaron co seu voto en contra da moción do BNG, “polo que entendemos que, aínda que non explicitamente, o Partido Popular está permitindo que Alfonso Fuente, José Manuel Gómez e Lorenzo Penabad continúen como concelleiros do PP”, sinalan desde o BNG.

A formación nacionalista non dubida en cualificar esta situación como “un auténtico engano ás veciñas e veciños de Barreiros, unha fraude democrática de quen, por un lado di que xa non é do PP pero continúa representándoo en Barreiros e, por outro, do propio PP que non quere verse salpicado pola situación de Barreiros, pero que de feito, mantén a estas persoas no goberno por medo a perdelo.”

Os concelleiros implicados negan que sexan non adscritos, a pesar de que a lei di o contrario.

Unha das cuestións debatidas no propio pleno é o pase dos concelleiros que abandonaron o PP a formar parte do grupo de concelleiros non adscritos, cuestión que Alfonso Fuente negou en nome dos outros dous concelleiros e que foi rebatida desde o BNG.

A portavoz nacionalista non só acudiu á propia Lei de Bases de Réxime Local que no seu artigo 73.3 di literalmente que “cando a maioría dos concelleiros dun grupo político municipal abandonen a formación política que presentou a candidatura pola que concurriron ás eleccións ou sexan expulsados da mesma, serán os concelleiros que permanezan na citada formación política os lexítimos integrantes de dito grupo político a todos os efectos.”, aplicándose o primeiro suposto recollido neste parágrafo ao caso dos tres concelleiros de Barreiros que deixarían de pertencer ao grupo popular para pasar a ser non adscritos, mantendo a representación do grupo popular as outras tres persoas que manteñen a militancia. Pero ademais, Ana Ermida esgrimiu unha recente sentenza do ano 2014 dun tribunal canario na que se enxuizaba unha moción de censura e que vai máis alá , calificando unha situación similar á barreirense non só como un caso claro de paso ao grupo de non adscritos, senón como un claro de transfuguismo político.

A comparecencia da Xunta de Goberno: “un paripé e unha falta de respecto á veciñanza”

Segundo o BNG “o xeito de contestar ás preguntas formuladas na comparecencia da Xunta de Goberno Local non só non serviu para aclarar nada, senón que o Alcalde pretendeu que fose un simple paripé no que non aclarou ningunha das cuestións plantexadas.”

“En primeiro lugar, pretendeu violar os dereitos que os grupos municipais temos a efectuar preguntas alí mesmo, ignorando o procedemento estipulado legalmente e pretendendo pasar por alto algunha das cuestións plantexadas. E, en segundo lugar, deixou sen contestar gran parte das cuestións e as que respondeu foi mediante evasivas que non aclararon cuestións fundamentais como as consecuencias legais e económicas para o concello nas posibles resolucións.”

A portavoz nacionalista califica esta comparecencia como unha falta de respecto “non cara ao BNG que a solicitou, senón cara ás veciñas e veciños de Barreiros, moitos deles presentes enchendo o  salón de plenos na propia sesión a pesar da clara intención do Alcalde poñendo o pleno ás 9 da mañá, que teñen dereito a saber como poden afectar as distintas situacións que se poden dar en Barreiros a un concello que, desde hai dez anos o único que ten son problemas xudiciais e económicos.”