O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DO CONCELLO BARREIRENSE ATENDE A 60 USUARIOS

O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DO CONCELLO BARREIRENSE ATENDE A 60 USUARIOS.

Barreiros, 16 de maio de 2018. O servizo de axuda no fogar do Concello de Barreiros atende a 60 usuarios, dos que 18 son de prestación básica e 42 son dependentes. O departamento de Servizos Sociais conta cunha plantilla formada por 23 persoas.

O departamento de Servizos Sociais do Concello de Barreiros conta cunha plantilla formada por unha traballadora social, unha educadora familiar, un administrativo e 20 auxiliares de axuda a domicilio.

O alcalde, Alfonso Fuente, sinala que “tendo en conta, as características sociodemográficas do noso concello, dende o departamento de Servizos Sociais, lévase a cabo tramitación de diversas axudas, como poden ser prestacións económicas para os diferentes colectivos (dependencia, discapacidade, drogodependencias, inclusión social, familia e infancia, muller, maiores….)”.

O rexedor subliña que “o programa de axuda no fogar préstase mediante xestión directa, abarcando os 72 quilómetros cadrados que ten o municipio e atendendo a un total de 60 usuarios, dos que 18 son de prestación básica e 42 dependentes. A día de hoxe non existe lista de agarda en ningunha das dúas modalidades”.

E engade que “os servizos son prestados de luns a domingo de 7:00 da mañá a 22:00 da noite para a modalidade de dependencia e para a modalidade de libre concorrencia a prestación é de luns a venres en horario de mañá”.

Desde o departamento de Servizos Sociais indican que “o que se pretende dende o Concello é posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual retardando ou evitando a institucionalización. Estas accións consisten en atencións de carácter básico (de carácter persoal e doméstico e da vivenda) e atencións complementarias (préstamo de axudas técnicas)”.

Os usuarios están satisfeitos co servizo de axuda no fogar. Ramiro conta que “ademais da comida e da limpeza o importante tamén é a compañía. A rapaza que eu teño, e que ven unha hora ao día, para min é un anxo”. Este usuario leva pouco tempo con esta axuda, pero coincide nas súas impresións con outros que levan moito máis. Arsenia, de 93 anos, dixo: “levo mais de ano e medio con este servizo e estou encantada, porque podo estar na miña casa en lugar de ir para unha residencia. Tanto eu coma o meu fixo estamos moi contentos con esta axuda e co traballo que fan”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *