O PP de Barreiros urxe ao goberno local a limpar e acondicionar as “intransitables” beirarrúas do casco urbano de San Cosme

O voceiro, José Manuel Gómez Puente, considera “prioritarios” estes traballos e convida á alcaldesa a “dar un paseo pola zona para comprobar o estado de abandono das beirarrúas”

Barreiros, 2 de xuño de 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Barreiros, José Manuel Gómez Puente, esixe ao equipo de goberno local axilizar os traballos de roza e limpeza de beirarrúas no casco urbano de San Cosme ante “o seu estado de abandono: atópanse intransitables”.

O popular advirte que “os veciños teñen que baixarse das beirarrúas e camiñar pola calzada en determinadas zonas como, por exemplo, enfronte á gasolineira. Non é admisible”, subliña. Ademais de ser “incómodo”, Gómez Puente sinala que “pode supoñer risco de caída para os numerosos veciños que pasean ou se achegan ao centro a facer as súas compras. A maleza ocupa a totalidade da beirarrúa impedindo camiñar por ela e, moito máis, co carriño da compra”.

O voceiro popular convida á alcaldesa a dar un paseo pola zona para que poida comprobar o estado de abandono das beirarrúas nunha época na que a maleza medra rapidamente e insiste en que os traballos de roza e limpeza son “prioritarios”.