O pleno ribadense acorda solicitar á Xunta a suspensión inmediata dos efectos do Plan de Conservación das Catedrais

O pleno ribadense acorda solicitar á Xunta a suspensión inmediata dos efectos do Plan de Conservación das Catedrais

Ribadeo, 17 de xuño de 2015.- Cos votos a favor dos concelleiros do BNG e Ciudadanos e a abstención de PP e PSOE, quedou aprobado no pleno extraordinario e urxente celebrado este mércores pola noite no Concello de Ribadeo solicitar á Xunta a suspensión inmediata dos efectos do Plan de Conservación do Monumento Natural As Catedrais no tocante ás medidas previstas a implantar desde o 1 de xullo de 2015, en tanto non exista o consenso necesario entre as administracións públicas implicadas. E para o caso de que non se produza a suspensión referida… iniciar os procedementos legais oportunos para a impugnaciñon do referido Plan de Conservación do Monumento Natural As Catedrais, recentemente aprobado polo Consello da Xunta.

Reprodúcese o documento debatido no devandito pleno:

As Catedrais, unha oportunidade para un desenvolvemento sustentable
O Areal das Catedrais situado no Concello de Ribadeo constitúe un dos destinos turísticos máis importantes do litoral da Mariña, galego, español e mesmo internacional.

Un enclave natural cun alto valor ecolóxico, dada a súa elevada concentración de recursos naturais e paisaxísticos,un espazo litoral único en Galicia cunha singularidade na súa xeomorfoloxía capaz de atraer a milleiros de visitantes e que ofrece una gran variedade de recursos de todo tipo: culturais, científicos, agrícolas, gandeiros, turísticos e que nos últimos tempos ten recibido milleiros de visitantes.

Conxugar coordenada e equilibradamente a conservación dos valores ecolóxicos, a súa biodiversidade, xunto con outros valores socioculturais, e económicos representa un importante reto para os planificadores e xestores do territorio.

Para iso cómpre establecer unha planificación que permita conciliar a conservación de todo este patrimonio natural coa dinamización económica local. Un modelo de turismo sostible,que faga da conservación unha oportunidade, combinando os 3 piares: económico, socio-cultural e ambiental.

Este modelo debe incorporar un plan de xestión e control dos usos dos visitantes, e neste sentido facemos referencia a Carta de Turismo Sostible, coa cal concordamos :

“Adoptárase unha estratexia para a xestión dos visitantes que incluirá medidas para canalizar os fluxos e regular as actividades dos visitantes no espazo protexido. A localización dos equipamentos turísticos, a organización dos itinerarios de interpretación e a información aos visitantes contribuirán á canalización dos fluxos, orientada a garantir a conservación da contorna natural, cultural e humana, e a experiencia turísitca. Estas medidas de xestión eficaz permitirán aumentar a contribución económica da actividade turística á vez que diminuirán os inconvintes da estacionalidade”

Tratase pois, dun modelo orientador baseado nos principios do turismo sostible: xerar mínimo impacto ambiental, fortalecer a cadea de valor local, favorecer a participación e beneficios na localidade, garantir a calidade dos produtos e servizos, fomentar o recoñecemento e a concienciación dos visitantes e da poboación local sobre o patrimonio natural e cultural.

Este modelo demanda concorrencia e convocatoria da participación tanto da cidadanía como das administracións superiores á local que promovan canles de dialogo que faciliten establecer as bases de planificación para a conservación, usos, e promoción dos recursos naturais, territoriais e paisaxísticos de xeito consensuado.

E neste sentido o Concello de Ribadeo xa ten dado pasos que evidencian o seu interese en camiñar cara un modelo de turismo sostible, como é a recente licitación e adxudicación da redacción do Plan Especial das Catedrais, que é un instrumento de protección que nos permitirá reordenar, restaurar e protexer a praia e a súa contorna, a incorporación de técnicas de interpretación e educación ambiental que permita fomentar a comprensión dos impactos do turismo sobre o entorno natural e ofrezan novas alternativas á visita da praia derivando aos visitantes cara outros espazos menos sensibles do noso territorio.

Por outra banda tamén queremos salientar que non rexeitamos a redacción dun Plan de Conservación, cremos que é un paso necesario , aínda que non concordamos co aprobado recentemente pola D.X. de Conservación de Natureza da Xunta de Galicia por diversas razóns: por ser un plan imposto, improvisado e non consensuado, que non atende a problemática desde unha perspectiva de xestión eficaz do turismo, porque non atende aos obxectivos perseguidos no mesmo como é a conservación: favorecendo a concentración das persoas na parte alta do cantil – área máis fráxil desde o punto de vista de protección da biodiversidade, consideramos que hai áreas prioritarias que deberían estar integradas dentro da contorna do plan, que non existen ferramentas de ordenación dos fluxos de visitantes, sexan rodados ou peonís, ou porque non introduce ningún mecanismo de educación e interpretación do espazo que permita a sensibilización do gran público sobre o respecto ao medio ambiente.

Pero entendemos que tampouco asegura unha distribución equitativa dos beneficios e dos custos, non distribúe os visitantes homoxeneamente no espazo e no tempo, empeora a calidade da experiencia turística, non apoia a xeración de traballo no ámbito local e mesmo non responde aos principios mínimos de xestión e información turística de calidade como son o feito de ter unha información clara, uniforme e de fácil acceso.

A quince días do inicio deste plan constátase o profundo desacordo que o plan está a espertar na cidadanía local e especialmente no sector terciario, que, ao fin e ao cabo, é a día de hoxe, o máis importantesdo noso Concello.

Minuto a minuto, hora a hora, trasládannos as súas queixas os hostaleiros, pois están xa a recibir as primeiras cancelacións para as reservas do verán.

Son continuas as chamadas dos visitantes, que teñen como referencia a oficina municipal de información turística de Ribadeo, demandando unha información clara e concisa sobre o acceso ao areal, condicionando istoa súa visita a Ribadeo.

Desde o pleno da Corporación do Concello de Ribadeo como maior órgano de representación da veciñanza propoñemos:

Primeiro.-Solicitar á Xunta de Galicia a suspensión inmediata dos efectos do Plan de Conservación do Monumento Natural As Catedrais, no tocante as medidas previstas a implantar desde o 1 de xullo de 2015 en tanto non exista o consenso necesario entre as administracións públicas implicadas.

Segundo.- Para o caso de que non se produza a suspensión referida no punto anterior, proceder a iniciar os procedementos legais oportunos para a impugnación do referido Plan Conservación do Monumento Natural As Catedrais recentemente aprobado polo Consello da Xunta.

En Ribadeo, a 17 de xuño de 2015