O PARTIDO POPULAR EN BARREIROS SEGUE INCUMPRINDO NO PAGO A PROVEDORES

A pesar de ter solicitado un crédito de 2,5 millóns de euros no 2012, o concello triplica o prazo marcado polo Ministerio para o pago de facturas.

Barreiros, 31 de marzo de 2015. Segundo a información que se contempla na liquidación do orzamento do 2014, o concello de Barreiros supera en 64 días o prazo establecido para o pago das súas facturas.

Segundo o BNG “esta situación é gravísima xa que en Barreiros pediuse un préstamo de 2 millóns e medio para pagar facturas no ano 2012 e dous anos despois estamos nunha situación de emerxencia.”

“Non é só cuestión de prazos, que tamén, pola importancia que poidan ter para pequenas empresas ou persoas autónomas que traballan para o ente municipal. O máis grave é que o propio Ministerio establece que, se se superan os prazos de pago en 30 días, deben tomarse medidas para incrementar os ingresos ou reducir os gastos”, explica a portavoz municipal Ana Ermida. “E, no caso de que o atraso nos pagos persista, o propio Estado pode deixar de ingresar o diñeiro que tería que recibir o concello desde o goberno de Madrid”, continúa.

No caso de Barreiros, o prazo para pagar facturas triplica ao establecido legalmente, polo que ou se adoptan medidas drásticas ou o máis probable é que o concello vexa sensiblemente reducidos os seus ingresos, creando unha nova débeda e novos problemas económicos no ente municipal e supoñendo, de facto, unha intervención do Estado en Barreiros.

Para o BNG a situación é de emerxencia, “ou damos a volta a este xeito de xestionar ou teremos un concello a piques da quebra técnica, sen ingresos suficientes para afrontar os gastos mínimos de mantelo aberto. A responsabilidade desta situación é de quen leva anos despilfarrando e gastando o diñeiro de todas e todos sen prestar un só servizo, só creando débeda e deixando Barreiros nunha situación de hipoteca para os vindeiros 18 anos.”

O goberno do PP oculta información do PXOM ás veciñas e veciños.

No pleno de onte o alcalde popular de Barreiros informou de que o Plan Xeral de Ordenación Municipal xa estaba finalizado, pero asegurou que non se ía coñecer ata despois das eleccións municipais.

Desde o BNG en Barreiros cren que “isto é unha mostra máis da desvergoña e a falta de respecto ás veciñas e aos veciños coa que goberna o PP en Barreiros.”

“Algo terán que ocultar se se negan a que a xente coñeza un documento tan importante coma o PXOM, que marca o desenvolvemento de Barreiros, antes dunhas eleccións municipais”, afirma Ana Ermida.

“Pedímoslle ao Partido Popular e ao alcalde que teñan un mínimo de respecto e fagan pública a documentación da que dispoñen, que é pagada con cartos de todas e de todos. A xente ten dereito a coñecer como lle afecta o PXOM e de poder valoralo como actuación deste goberno”, declara a portavoz municipal.

Para o BNG o que están intentando é que o PXOM non lles supoña custos electorais. “Son conscientes de que é un plan ao servizo das grandes urbanizacións e non da veciñanza, feito ás súas costas, e por iso non queren que a xente o coñeza. Ocultan información pública en función dos intereses electorais do PP”, conclúe Ana