O GRUPO DE FOLK TIS CHE TEIN ACTÚA ESTE VENRES, 4 DE AGOSTO, NO CÁMPING GAIVOTA, EN BARREIROS

O GRUPO DE FOLK TIS CHE TEIN ACTÚA ESTE VENRES, 4 DE AGOSTO, NO CÁMPING GAIVOTA, EN BARREIROS.

Barreiros, 3 de agosto de 2017. O cámping Gaivota, en Barreiros acolle este venres, 4 de agosto, un novo concerto dentro das súas Queimadas Proletarias. O grupo de folk tabernario Tis Che Tein actuará a partires das 23:00 horas.

O promotor destas actividades, Celso Dourado, sinalou que “é unha nova cita, unha máis, e esta vez vainos acompañar Tis Che Tein. É un grupo de Santiago formado nos bares a altas horas da noite, beben do folk, beben do celta, e case todos os seus compoñentes forman parte doutros grupos. Os máis coñecidos posiblemente sexan Os de Abaixo. A maior parte deste grupo forma parte tamén de Os de abaixo”.

Dourado explicou que “é un tipo de música moi coidada, moi elaborada. Estamos falando de xente cunha grande formación que leva moitos anos tocando pese á súa xuventude. É habitual velos nas rúas de Santiago tanto no Gramola, que case é o seu local de ensaio, como nas Crechas, onde me atrevo a dicir que deron os seis primeiros pasos”.

O responsable do cámping Gaivota dixo que “con esta formación é a primeira vez que veñen, pero si que pasaron polo cámping formando parte doutros grupos de música, incluso acompañando a grandes músicos e a recitais de poesía. É unha grande formación que veñen do folk pero teñen moitas táboas”.

Celso Dourado manifestou que “unha vez máis se o tempo nos axuda, paralelamente á queimada que acostumamos a facer todos os venres practicamente dende vai facer trinta anos, a partires das once, teremos a actuación estelar desta formación que unha vez máis tratamos de quitar para adiante e de mirar sempre ás nosas músicas. Esa sempre foi a política que nos guiou e este é un expoñente máis”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.