O GOBERNO DE BARREIROS TRASLADA AO SECRETARIO XERAL DE TRANSPORTES, MOBILIDADE E AXENDA URBANA DO ESTADO AS NECESIDADES DO CONCELLO

O GOBERNO DE BARREIROS TRASLADA AO SECRETARIO XERAL DE TRANSPORTES, MOBILIDADE E AXENDA URBANA DO ESTADO AS NECESIDADES DO CONCELLO.

Barreiros, 21 de agosto de 2020. O goberno de Barreiros trasladoulle na mañá de hoxe ao secretario xeral de transportes, mobilidade e axenda urbana do goberno do Estado as demandas que o municipio barreirense ten en relación co seu ámbito competencial, que xa lle foran trasladadas.

O secretario xeral  de transportes, mobilidade e axenda urbana foi recibido no consistorio barreirense a media mañá e a continuación desprazouse ata o xacemento arqueolóxico da Roda, na parroquia de Santiago de Reinante; onde o goberno municipal lle amosou in situ o estado do mesmo e lle trasladou a necesidade de actuación para a súa consolidación e protección.

A visita de Sergio Vázquez Torrón a Barreiros, tras recibir hai uns meses no Ministerio á alcaldesa, Ana Ermida e á segunda tenente de alcaldesa, Carmen Veiga, vén a ratificar o compromiso adquirido tras a xuntanza en Madrid a respecto dos temas trasladados.

Segundo trasladou Ana Ermida “o proxecto de protección e consolidación da Roda é fundamental para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico no noso concello e dese xeito poder avanzar na promoción do territorio desde unha visión respectuosa co medio e o propio patrimonio.”

As depuradoras en San Miguel e Reinante.

Outra das cuestións que o goberno municipal presentou ante Vázquez Torrón é a necesidade de contar con un sistema de depuración de augas residuais nas parroquias de San Miguel e Reinante que eviten os verquidos á praia de Arealonga, que sufre unha importante degradación desde hai anos e que constitúe a “porta de entrada ao noso municipio desde o lado de Ribadeo, nunha zona especialmente delicada medioambientalmente.”

Sobre esta cuestión, fixéronlle chegar a proposta de sistema de depuración alternativo que o goberno municipal tamén presentou ante Augas de Galicia para o seu análise e validación, xa que suporía unha importante rebaixa no prezo de execución e o finanzamento por parte dunha administración como a estatal podería ser moito máis asumible.

Enlace ao polígono de Barreiros.

Tamén aproveitaron a visita para insistir na necesidade de que, nas futuras obras de execución da autovía A-74 no enlace coa A-8 se contemple un enlace directo ao polígono barreirense, ao atoparse a escasos metros do previsto e ser “unha obra clave para dotar ao polígono de mellores accesos e facilitar dese xeito a incorporación de novas empresas ao mesmo.”

Vázquez Torrón reiterou o compromiso do goberno do Estado coas necesidades do Concello de Barreiros e comprometeuse a traballar na consecución das demandas trasladadas desde o executivo local.