O GOBERNO DE BARREIROS PRIVATIZA O SERVIZO DE MANTEMENTO E REPARACIÓN DO ABASTECEMENTO DE AUGA

O GOBERNO DE BARREIROS PRIVATIZA O SERVIZO DE MANTEMENTO E REPARACIÓN DO ABASTECEMENTO DE AUGA

O contrato farase por dous anos, prorrogables ata 5, e sácase con un prezo de 242.000 euros.

Barreiros, 6 de agosto de 2018. O goberno de Barreiros, no seu afán de privatizar os servizos municipais, vén de sacar a concurso o servizo de mantemento e reparación da rede de abastecemento de auga , instalación de contadores e conexións, con un prezo de 242.000 euros para dous anos.

Desde o Bloque Nacionalista Galego consideran que esta nova privatización “vén a confirmar que o goberno municipal o único interese que ten é en que cada vez haxa máis servizos prestados por empresas privadas, sen importar se se prestan mellor ou peor ou que iso supoña maior gasto para o Concello.”

Estamos a falar de máis de 120.000 euros anuais que, ben xestionados, en persoal municipal dan para contar con unha brigada municipal importante e que podería realizara eses traballos. “O servizo de mantemento e reparación do abastecemento de auga prestouse con persoal municipal ata que hai uns anos comezaron a encargarse traballos a persoal alleo ao Concello. Iso non redundou nun mellor funcionamento, senón ao contrario, o abastecemento de auga empeorou e o custe foi considerablemente superior”, asegura a portavoz municipal do BNG, Ana Ermida.

“Ao Partido Popular, con Alfonso Fuente á fronte, o único que lle interesa é que en Barreiros traballen empresas privadas e para iso, non lles importa baixar a calidade dun servizo durante un tempo para crear unha falsa necesidade e despois vender a esperanza de que con empresas privadas poida funcionar mellor”, aseguran desde o BNG.

A formación nacionalista asegura que “se no Concello de Barreiros existise planificación dos traballos e do persoal por parte do equipo de goberno, que é quen ten a obriga de facelo, poderían prestarse moitos máis servizos públicos e facerse os traballos dun xeito moitísimo máis eficiente.”

“O que funciona agora mesmo é grazas ao esforzo e á implicación do persoal municipal e ao seu propio coñecemento das necesidades, xa que desde o goberno municipal non existe ningún tipo de planificación nin organización que garanta que os traballos se realicen dun xeito óptimo”, afirma Ana Ermida.

O BNG continúa con reunións veciñais

Nesta semana, o BNG en Barreiros continúa coas asembleas veciñais que comezaron o pasado venres, de cara a recoller as demandas da veciñanza e comezar a traballar nas propostas para as eleccións municipais do 2019. Despois de estar o venres en Vilamartín Grande e San Cosme, hoxe luns estarán en Cabarcos – no centro social, ás 16 horas- e nas escolas de Celeiro, ás 21 horas.

O mércores será o turno das parroquias de Vilamar e Benquerencia e o xoves, de Reinante e San Xusto. O vindeiro luns, reuniranse coa veciñanza de San Miguel e A Rilleira. Os horarios das reunións están previstos para as 16 e as 21 horas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *