O GOBERNO DE BARREIROS NON PEDIU A BRIGADA PARA A PREVENCIÓN  E EXTINCIÓN DE INCENDIOS

O GOBERNO DE BARREIROS NON PEDIU A BRIGADA PARA A PREVENCIÓN  E EXTINCIÓN DE INCENDIOS.

Barreiros é o único concello da comarca que non conta con brigadas deste tipo.

O persoal das brigadas realizan labores de extinción e prevención coma vixianza ou desbroces manuais onde non é posible acceder con maquinaria

Barreiros, 4 de agosto de 2017. O Bloque Nacionalista Galego confirmou no pleno do pasado luns que o goberno de Barreiros renunciou a contar con unha brigada para a prevención e extinción de incendios subvencionada pola Xunta. “Así o confirmou o Alcalde que asegurou que non solicitou a brigada porque despois era moi difícil de xustificar”, explica a portavoz municipal, Ana Ermida.

Para o BNG esta actitude “é unha absoluta irresponsabilidade. E máis tendo en conta como está a situación das pistas forestais e os espazos públicos en Barreiros, onde as labores de desbroces son tremendamente necesarias.”

“Todos os concellos da comarca contan con efectivos para previr incendios forestais, salvo Barreiros, que parece que ten máis dificultades que o resto”, ironizan desde o BNG. “É absolutamente demagóxico dicir que non poden xustificar a cantidade de hectáreas que a Xunta obriga a desbrozar cando hai ducias e ducias de quilómetros sen desbrozar neste concello”, asegura Ana Ermida.

Pero ademais, “o feito de non solicitar a brigada non é só renunciar a poder realizar desbroces en zonas onde non se pode acceder con maquinaria, supón renunciar a crear ata 6 postos de traballo e recibir uns 20.000 euros para iso”, explican.

Para o BNG, “o feito de que nin sequera se molestasen en solicitar a brigada dá boa mostra da deixadez e a falta de interese que ten o goberno municipal de Barreiros e de que a situación do municipio non lles interesa en absoluto, incluso as consecuencias que poidan ter os incendios en bens e vidas humanas. Por iso somos o único concello da comarca que non conta con brigada contra os incendios”, afirman.

Neste sentido, desde o Bloque Nacionalista Galego advirten que a deixadez chega a converterse en irresponsabilidade cando o Alcalde afirmou no pleno que se hai un incendio, mándanse aos traballadores que ten o Concello. “Tendo en conta que cada vez se producen máis incendios -mesmo en Barreiros houbo dous no que vai de verán-, que os veráns son cada vez máis secos, que hai unha esaseza de auga considerable e que todas as administracións deben implicarse no combate dos incendios forestais, o goberno municipal de Barreiros desenténdese e deixa ao noso concello sen brigadas e, polo tanto, sen persoal do Concello para loitar nun problema que cada vez está máis presente no noso País. Deste xeito, contar con unha brigada municipal podería axilizar conseiderablemente o tempo de resposta e evitar posibles catástrofes que poida afectar a bens e, incluso, vidas humanas”, explican desde o BNG.

“Agora mesmo, os únicos traballadores municipais que poden acudir a un incendio é o persoal da motobomba, que son autorizados  e contan cos sistemas de protección adecuados. Que se lle ocurra só insinuar que vai mandar outros traballadores ou traballadoras é un absoluto disparate, porque non poderían participar no operativo e, ademais, estaría incluso poñendo en perigo as súas vidas”, conclúen.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *