O GOBERNO DE BARREIROS CONVOCA UNHA PRAZA PÚBLICA Á QUE SÓ PODE PRESENTARSE UNHA PERSOA DAS QUE XA TRABALLA NO CONCELLO

O GOBERNO DE BARREIROS CONVOCA UNHA PRAZA PÚBLICA Á QUE SÓ PODE PRESENTARSE UNHA PERSOA       DAS QUE XA TRABALLA NO CONCELLO

O BNG lamenta que non se cubran os postos de traballo coas persoas que demostren a súa capacidade e se utilicen sistemas que impiden o libre acceso aos mesmos.

Barreiros, 6 de maio de 2017. Hai uns poucos días saía publicada no Boletín Oficial do Estado a convocatoria dunha praza de administrativa no Concello de Barreiros para cubrir por promoción interna. Desde o BNG sinalan que se ten elixido este método, ao que só poden acceder funcionarias ou funcionarios da Administración Local, a sabendas de que en Barreiros só hai unha persoa que pode presentarse con estas condicións.

O grupo municipal do BNG xa preguntou no pasado pleno a respecto desta cuestión, interpelando ao Alcalde sobre as  razóns para optar pola promoción interna en lugar de por unha oposición aberta á que puidera concorrer calquera persoa cos requisitos que se precisen.

A portavoz municipal, Ana Ermida, explica que “en Barreiros só hai tres persoas con prazas de funcionarias e dúas delas teñen un grupo superior ao convocado, polo que só lle pode interesar á persoa que é funcionaria na actualidade como auxiliar administrativa.”

Xa no propio pleno, Ana Ermida sinalou que “é curioso que esa persoa que agora pode ascender de categoría leva xa uns anos acumulando funcións dentro do Concello, incluso en departamentos tan dispares e distantes como turismo, servizos sociais ou tesourería. Non dubidamos das súas capacidades, pero o lóxico sería demostralo nun proceso con concorrencia, porque ser mellor cando se é a única é relativamente sinxelo.”

Desde a formación nacionalista lamentan a elección deste sistema, porque “ademais de amosar ás claras as intencións, impide que se poidan presentar outras persoas de dentro ou fóra do Concello que puideran demostrar a súa preparación e os méritos para ocupar o posto.”

“Parece que o que se está a facer non é garantir o acceso aos postos públicos en condicións de igualdade, mérito e capacidade como sinala a lei e lograr que as prazas sexan cubertas polas persoas mellor preparadas, senón que o que se fai é limitar o acceso e practicamente adiantar os resultados ás probas”, aseguran.

Desde o BNG sinalan que a súa formación cre na igualdade e na capacidade das persoas e os postos de traballo que se pagan con cartos de todas e todos nós deben servir para garantir a mellor preparación das persoas que os ocupan e que isto se traduza na atención e o servizo que reciben as veciñas e veciños.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.