O GOBERNO DE BARREIROS CONVOCA AO SECTOR TURÍSTICO A UNHA XUNTANZA PARA TRASLADAR INFORMACIÓN E PLANIFICAR ACTUACIÓNS

O GOBERNO DE BARREIROS CONVOCA AO SECTOR TURÍSTICO A UNHA XUNTANZA PARA TRASLADAR INFORMACIÓN E PLANIFICAR ACTUACIÓNS

A reunión, aberta a calquera persoa do sector, será mañá martes, ás 17:30 horas no Centro Sociocultural de San Cosme.

Barreiros, 29 de xullo de 2019. O goberno municipal de Barreiros convoca para mañá martes 29 unha reunión co sector hosteleiro e turístico para tratar cuestións de interese para o sector e analizar futuras actuacións que se poidan levar a cabo de xeito colaborativo.

A alcaldesa, Ana Ermida, explica que “a pesares de que sabemos que non é a mellor época para o sector polo nivel de traballo que teñen, consideramos oportuno convocar esta xuntanza para trasladarlles información de interese que deben coñecer para a súa actividade.”

Desde o goberno queren trasladar a importancia que o sector turístico ten nun concello coma Barreiros, por iso organizaron unha primeira xuntanza para poñer en conxunto ideas e proxectos que se poidan levar a cabo para mellorar na promoción turística de Barreiros.

 “O feito de que se acabe de conformar o novo goberno municipal supón que non se puidera abordar a tempada de verán con antelación, pero a intención deste goberno é emprender unha relación de colaboración e comunicación co sector turístico, xa que é un piar fundamental a nivel económico en Barreiros”, explican.

Entre os temas dos que o goberno municipal informará na reunión atópanse o funcionamento do punto de información turística e outros servizos municipais ligados á tempada de verán ou a situación de instalacións temporais.