O GOBERNO DE BARREIROS ACUMULA FACTURAS SEN PAGAR DO ANO PASADO POR CASE 600.000€

O GOBERNO DE BARREIROS ACUMULA FACTURAS SEN PAGAR DO ANO PASADO POR CASE 600.000€

Esta cantidade incrementouse con respecto ao 2017 en 100.000€.

Barreiros, 24 de xaneiro de 2019. No pleno do vindeiro luns, o Partido Popular leva un recoñecemento extraxudicial de crédito de facturas pendentes do ano 2018 por falta de crédito no orzamento dese ano, por un importe de 566.041,69€.

“A esta cantidade, debemos sumarlle 28.000€ que contempla o orzamento do 2019 para investimento en alumeado que o propio alcalde recoñece na memoria presentada que son para gastos do 2018”, explican desde o BNG.

A portavoz municipal do BNG, Ana Ermida, lamenta que “esta estea sendo a práctica habitual do goberno do PP, especialmente nos últimos anos, o que está creando un verdadeiro burato negro económico que fai perigar a propia sustentabilidade do Concello.”

En xaneiro do ano pasado, xunto coa aprobación do orzamento para o 2018, o goberno municipal recoñecía 467.955,14€ sen pagar do 2017 para cargar contra o orzamento do 2018. “Este ano, o importe de facturas sen pagar increméntase en practicamente 100.000€”, explica Ana Ermida, “o que supón que en só un ano a cantidade sen pagar sube case un 25%”.

Desde o BNG sinalan que “é algo que era evidente que ía pasar e xa o advertimos o ano pasado, cando vimos o descontrol existente e como estaban quedando facturas sen pagar desde mediados de ano.” A portavoz municipal explica que “isto é unha auténtica bola de neve que levará todo por diante de non poñerlle freo, porque se para pagar esas facturas pendentes restamos crédito do orzamentado para o ano 2019, sen que esa necesidade se contemple nos mesmos, supón que se empeza o ano con moitos menos cartos dos necesarios para facer fronte aos gastos do ano en curso. Polo tanto, volveremos a atoparnos a mediados de ano sen crédito para pagar facturas que se volverán a incrementar cada ano máis, restando cada vez máis fondos e provocando que cada ano o crédito para as facturas se acabe antes.”

Desde o BNG lamentan que o PP siga empeñado en arruinar Barreiros e aseguran que “dá a sensación de que o que pretenden é deixar o Concello nun estado lamentable para impedir que quen veña detrás poida reverter a situación.”