O GOBERNO DE BARREIROS ACADA O COMPROMISO DO MINISTERIO DE FOMENTO PARA A CONSOLIDACIÓN E POSTA EN VALOR DO XACEMENTO DE A RODA

O GOBERNO DE BARREIROS ACADA O COMPROMISO DO MINISTERIO DE FOMENTO PARA A CONSOLIDACIÓN E POSTA EN VALOR DO XACEMENTO DE A RODA.

Trasladaron tamén a necesidade de revisar a previsión de accesos ao polígono barreirense desde o enlace da A8 e a A74 e a posibilidade de cooperación na construción da depuradora en San Miguel.

Barreiros, 24 de outubro de 2019. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e a segunda tenente de alcaldesa, Carmen Veiga, desprazáronse no día de hoxe a Madrid; onde mantiveron reunións con responsables dos Ministerios de Fomento e Transición Ecolóxica para trasladar cuestións de interese para o municipio barreirense.

O executivo local valora moi positivamente os encontros mantidos cos responsables ministeriais, onde acadaron o compromiso do Ministerio de Fomento de actuar no xacemento de A Roda para a súa consolidación e posta en valor coordinadamente co departamento de Patrimonio Cultural da Xunta, con cuxos responsables xa mantivo conversas a mandataria municipal.

“Temos a obriga de pular pola protección e a posta en valor do patrimonio cultural do noso concello. E neste caso, temos a sorte de contar en Barreiros con un xacemento moi singular e situado en terreos do Ministerio de Fomento, no que ademais existe interese arqueolóxico por parte do servizo galego; polo que sería irresponsable non ter a iniciativa  para xestionar actuacións que redundan en beneficio do concello e que nos permitirá divulgar e promocionar un xacemento senlleiro”, declarou Ana Ermida.

O compromiso do Ministerio de Fomento foi claro á hora de asegurar a intervención baixo as directrices do servizo competente da Xunta de Galicia, polo que se iniciarán os contactos para a execución dos mesmos.

Os accesos ao polígono, volverán a poñerse enriba da mesa.

O goberno barreirense tamén trasladou a necesidade de que se recolla a previsión de conexión do polígono de Barreiros co enlace da A8 e a A74, para aproveitar o potencial do mesmo e garantir a mellor comunicación posible. Carmen Veiga explica que “desde o Ministerio comunicaranse coa demarcación de estradas en Galicia para que se manteñan conversas co consistorio para tratar de solventar tecnicamente as deficiencias que poidan existir.”

Estudarase a prioridade de actuacións autonómicas para a posibilidade de finanzamento da depuradora de San Miguel.

Na reunión mantida con responsables do Ministerio de Transición Ecolóxica,  adquiriuse o compromiso de trasladar a demanda barreirense aos departamentos implicados na execución do plan hidrolóxico Galicia Costa, así como de estudar a prioridade da actuación a nivel autonómico para poder valorar unha colaboración interadministrativa; así como a posibilidade de implicación da administración estatal no finanzamento das obras necesarias.

Desde o goberno municipal consideran “moi importante” ter mantido esta reunión, xa que “nos sitúa nunha boa posición de inicio, con todas administracións ao corrente das necesidades e co compromiso de tirar na mesma dirección para poñerlle solución a un problema que se arrastra desde hai moitos anos.”

A alcaldesa puxo en valor o feito de ser recibidas polo departamento ministerial e sinala que “na dirección xeral da auga, Barreiros estivo ao mesmo nivel que executivos autonómicos que hoxe tamén estaban sendo recibidos por responsables ministeriais. Trátase de situar a Barreiros no mapa e poñelo no centro das políticas e nas prioridades á hora de cubrir os servizos para as veciñas e veciños”, sinala. Nese sentido, o goberno municipal asegura que seguirá “petando a todas as portas e facendo todas as xestións necesarias para acadar unha solución ao problema da depuración de augas residuais en Barreiros.”