O Goberno da Deputación mellorou as prestacións públicas aos veciños de Barreiros con 290.000 euros

O Goberno da Deputación mellorou as prestacións públicas aos veciños de Barreiros con 290.000 euros

18-05-17

dario campos-barreirosLugo, 18 de maio 2017. O Presidente, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Barreiros, José Alfonso Fuente Parga, informou este xoves sobre o investimento que o Goberno Provincial achegou aos preto de 3.000 veciños deste municipio coa execución do Orzamento de 2016. Foron 290.000 euros os que o Executivo da Deputación destinou á mellora das prestacións públicas, ao fomento do benestar e á xeración de emprego.

O Alcalde puxo en valor o compromiso do Presidente con todos os Concellos da provincia, especialmente co de Barreiros, e subliñou “a necesidade de que a Xunta leve investimentos á totalidade de municipios lucenses do mesmo xeito que o fai o Goberno da Deputación”. Campos Conde e Fuente Parga, acompañados por membros da corporación municipal, supervisaron algunhas das actuacións levadas a cabo con fondos provinciais do 2016, que se verán incrementadas durante este 2017, pois tan só co Plan Único o Concello de Barreiros recibe xa 255.727 euros para executar novas melloras nas prestacións públicas aos veciños deste municipio.

Infraestruturas e melloras no rural
A comitiva visitou a nova ponte construída na parroquia de Vilamartín Pequeno, sobre o rego Porto Bragán, con 42.500 euros que achegou o Executivo Provincial. Os traballos consistiron no derrubamento da infraestrutura existente, moi deteriorada polas riadas, e na dotación dunha nova máis ancha e máis segura, pois mellorouse o firme con aglomerado en quente. Campos Conde subliñou que “con estas actuacións, melloramos unha ponte que conecta o centro de Barreiros cos Concellos de Ribadeo e Trabada, que empregan a cotío centos de cidadáns e milleiros no verán, cando a Mariña triplica a súa poboación. Ao respecto, o Alcalde tamén demandou á Xunta de Galicia “investimentos que permitan atender ás necesidades do Concello durante a época estival, co triplo de veciños”.
O Presidente engadiu que “con estas obras respondemos ás peticións dos 80 veciños que viven na zona, acondicionando unha infraestrutura que fai de acceso a ducias de explotacións gandeiras”. Neste senso, Campos Conde destacou que o Goberno da Deputación achegou outros 25.600 euros a máis actuacións en impulso do sector primario en Barreiros. Dito orzamento permitiu melloras de accesos públicos a fincas, a recuperación de terras abandonadas hoxe en uso, e o arranxo de invernadoiros.

Campos e Fuente comprobaron ademais as melloras de 19.216 euros, financiadas polo Executivo Provincial, efectuadas na Casa do Concello. Consistiron no cambio de ventás e na mellora do illamento térmico do edificio anexo ao Consistorio. Estas actuacións permitirán reducir a factura enerxética.

Praias
O Executivo Provincial financiou con 15.000 euros a adquisición de tres casetas con duchas e aseos nas praias de Altar, Coto e Lóngara. O Presidente destacou que “é necesario que todas as administracións nos impliquemos na dotación de prestacións públicas no rural, onde viven os nosos veciños, para contribuír á mellora da calidade de vida. Pero tamén o debemos facer nos espazos públicos que fan de Lugo unha provincia única, como as praias da Mariña, para que os milleiros de persoas que nos visitan, repitan e volvan. Podémolo facer con pequenas actuacións como esta, coa que ofrecemos un servizo básico e necesario”.

Atención a 51 maiores
O Goberno da Deputación atende a 51 maiores de Barreiros, aos que a Xunta de Galicia non atende. Faino a través do Servizo a Domicilio a persoas non dependentes, que o Executivo autonómico deixou de financiar en 66 municipios lugueses. Esta prestación asúmea na totalidade o organismo provincial. Son 34 os barreirenses que contan coa mesma grazas aos máis de 21.000 euros que achega o Goberno Provincial. Outros 17 veciños deste municipios con dificultades en canto a súa autonomía contan coa Teleasistencia gratuíta da Deputación, pois a Xunta só lla ofrece a persoas catalogadas como dependentes aos que ademais lles obriga ao copago.

Emprego
O Goberno da Deputación destinou 39.438 euros á creación de postos de traballo directos e ao reforzo dos servizos municipais a través do DEPUEMPREGO. Trátase do plan dirixido aos municipios de menos de 20.000 habitantes mediante o cal o Executivo Provincial financia na súa totalidade os custos laborais de novos traballadores. No caso de Barreiros, este investimento permitiu a contratación de 2 oficiais de fontanería que se encargan do mantemento da rede municipal de abastecemento de auga.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *