O EIDO DOURADO ABRE ESTE SÁBADO, 2 DE XULLO

https://www.facebook.com/benquerencia/photos/pcb.10154377116803442/10154377116013442/?type=3

O EIDO DOURADO ABRE ESTE SÁBADO, 2 DE XULLO, POR OITAVA TEMPADA CONSECUTIVA A SÚA EXPOSICIÓN PICTÓRICA E OS SEUS XARDÍNS, QUE SE PODERÁN VISITAR DE MARTES A DOMINGO EN HORARIO DE MAÑÁ E DE TARDE. UN VERÁN MÁIS HABERÁ TAMÉN CONCERTOS  NO SOLPOR.

Barreiros, 29 de xuño de 2016. O Eido Dourado, espazo dedicado á arte ao carón da praia da Pasada, abre as súas portas por oitava tempada consecutiva este sábado, día 2 de xullo. Faino coa exposición renovada e con modificacións nos seus xardíns, nos que a música volverá a estar presente a partires da segunda quincena de xullo.

Celso Dourado afronta esta nova tempada que “preséntase ben, cando nos puxemos co proxecto Eido Dourado pensamos que ao mellor non lográbamos resistir o que pretendíamos, e pasan os anos e aí seguimos estando. Este ano abrimos unha vez máis coa exposición renovada, con novas creacións e un longo etc”.

O artista salienta que este ano “hai unha decena de cadros que renovamos correspondente a estes últimos tempos, e ao mesmo tempo hai unha serie de modificacións nos xardíns que rodean ao Eido Dourado e hai unha actividade cultural que esperamos levar a cabo durante estes dous meses. Sempre o prato forte son os Concertos no Solpor, os concertos que facemos o domingo coa caída do sol e que van ser unhas propostas tremendamente interesantes de proxectos moi novidosos en si”.

Celso Dourado lembra que “o horario de apertura vai ser de martes a domingo, os luns pechamos por razóns de mantemento, entre 11:30 horas e 13:30 horas e polas tardes de 18:00 horas a 21:30 horas”.

O artista barreirense engade que “realmente as visitas estanse mantendo, as contabilizadas, porque cando facemos diferentes actividades culturais como son os Concertos no Solpor non contabilizamos as visitas que hai eses días debido á afluencia de xente. Pero a ver se este ano o tempo nos axuda para seguir neste proxecto”.

Celso Dourado lembrou que o Eido Dourado “é un proxecto a título particular, a título persoal, un proxecto sen ánimo de lucro que non recibe nin solicita tan sequera ningún tipo de subvención de ningún estamento nin organismo público, nada máis que a nosa propia capacidade para resistir, soportanto agarimosamente este proxecto. Aí estamos como unha proposta máis a título cultural. Tampouco nos guía ningún criterio economicista nin similares. De aí eu penso o mérito que ten este fermoso e pequeno proxecto”.

Sobre os Concertos no Solpor adiantou que “o primeiro vai ser en torno ao 20 de xullo e a partir de aí son entre cinco e seis as propostas absolutamente innovadoras nas que vai haber proxectos de música étnica, de nova danza e de música orixinal, de autor que realmente penso que están a unha gran altura”.

Celso Dourado rematou indicando que “quero renderlles unha homenaxe a todos estes músicos que me chaman constantemente para presentar os seus proxectos no Eido, porque tampouco a eles os guía un presuposto economicista, simplemente é o feito de actuar nos xardíns do Eido Dourado o que os move a poñerse en contacto comigo. Entre todos xuntos procuramos que estes concertos, estas propostas de tipo musical e cultural saian adiante coa maior dignidade posible. Iso quero agradecerllo publicamente porque para min é unha grande ledicia, é moi importante. Todos os veráns se queda cantidade de xente fora porque non podemos dar resposta na programación para darlle entrada a tantos proxectos interesantes que se nos presentan”.